Xosé Álvarez, sacerdote en todo

Nota necrolóxica de Xosé Álvarez, publicada en La Región o día 11-09-2012

Do Opus Dei

Era fino e elegante en todo. Unha Noiteboa fíxenlle eu unha broma tras o rosario tradicional que se retransmitía desde o Bispado. Era un día de choiva e metinlle, nun descoido seu, pos de talco no paraugas. Ao chegar á rúa e abrilo púxose como o eccehomo de Borja, e ao día seguinte, cun sorriso, a pouco pégame... Sabía saír elegantemente das contrariedades. A súa gran virtude.

Co falecemento do cóengo José Álvarez Arias (A Rúa, 9-11-1922) desaparece en Ourense un dos puntos de referencia do Opus Dei. Grazas a el e a aquelas reunións dos anos sesenta nas Servas de María, entón no Xardín do Posío, con Federico Suárez, a Obra foise introducindo na diocese a pesar das reticencias entón do bispo Temiño.

Home de fácil e docta palabra, era un gran conversador, mellor charlista e entrañable predicador. Iso levoulle a ser Maxistral da Catedral en xaneiro de 1982, despois de pasar por profesor do Seminario Maior (1952-1958) e pai espiritual do mesmo máis tarde (1969-1975), tras o cesamento como ecónomo de Santo Domingo, cargo que ostentou desde 1958 ao 28 de febreiro de 1962 en que foi nomeado párroco Emilio Lorenzo.

O titulo de párroco desta parroquia ourensá correspondía concedelo a Roma, xa que o seu anterior posuidor, Emilio Fontes Araújo, fora nomeado para a Rota. Don José foi promovido polo mesmo bispo, sete anos despois de cesar en Santo Domingo, a cóengo e máis tarde a Maxistral. En tempos e circunstancias nada fáciles (1976) fíxose cargo da delegación na COPE, cargo que desenvolveu coa súa elegancia e eficiencia, e sobre todo con coherencia e constancia até o final. Como desempeñou con estilo propio a misión de consiliario das Señoras de Acción Católica (1962-1969), que marcou toda unha época e de onde saíron exemplares e senlleiras figuras católicas, como Aurita Guevara, Laura Varela, Fabeiro ou Carmen Luna entre outras moitas. Coñecía e dominaba á perfección a Constitución Apostólica "Provida Mater Ecclesia" (2-2-1947) de Pío XII sobre o apostolado seglar.

Persoalmente sempre me impresionou unha virtude deste exemplar sacerdote diocesano, e foi a gran elegancia coa que asumiu cambios importantes no seu ministerio con fidelidade inquebrantable. Viviu toda unha vida dedicada ao seu ministerio sendo un sacerdote intachable desde a súa ordenación o 29 de xullo de 1952 en Santiago de Compostela, na sede vacante de Branco Nájera, tras obter a licenciatura en teoloxía por Salamanca.

Descanse en paz quen sufriu e levou con paciencia as contrariedades e incomprensións que lle deparou a súa actividade, así como a gran ejemplaridad na súa longa enfermidade que lle mantivo prostrado os últimos anos baixo a atenta mirada da súa boa irmá Elisa.

  • Xosé Carlos Fernández Otero