Chamados a ser santos

O Opus Dei axuda a atopar a Cristo no traballo, a vida familiar e o resto de actividades ordinarias.

home

Todos os bautizados están chamados a seguir a Xesucristo, a vivir e a dar a coñecer o Evanxeo. A finalidade do Opus Dei é contribuír a esa misión evanxelizadora da Igrexa católica, promovendo entre fieis cristiáns de toda condición unha vida coherente coa fe nas circunstancias ordinarias da existencia e especialmente a través da santificación do traballo.

Algúns trazos do espírito do Opus Dei son os seguintes:

Filiación divina. «A filiación divina é o fundamento do espírito do Opus Dei», afirma o seu fundador. Desde o bautismo, un cristián é un fillo de Deus. A formación que proporciona a Prelatura fortalece nos fieis cristiáns un vivo sentido da súa condición de fillos de Deus e axuda a conducirse de acordo con ela: fomenta a confianza na providencia divina, a sinxeleza no trato con Deus e cos demais, un profundo sentido da dignidade da persoa e da fraternidade entre os homes, un verdadeiro amor cristián ao mundo e ás realidades creadas por Deus, a serenidade e o optimismo.

Vida ordinaria. «É no medio das cousas máis materiais da terra onde debemos santificarnos, servindo a Deus e a todos os homes», dicía san Josemaría. A familia, o matrimonio, o traballo, a ocupación de cada momento son oportunidades habituais de tratar e de imitar a Xesucristo, procurando practicar a caridade, a paciencia, a humildade, a laboriosidade, a xustiza, a alegría e en xeral as virtudes humanas e cristiás.

Santificar o traballo. Buscar a santidade no traballo significa esforzarse por realizalo ben, con competencia profesional, e con sentido cristián, é dicir, por amor a Deus e para servir aos homes. Así, o traballo ordinario convértese en lugar de encontro con Cristo.

Oración e sacrificio. Os medios de formación do Opus Dei lembran a necesidade de cultivar a oración e a penitencia propias do espírito cristián. Os fieis da Prelatura asisten diariamente á Santa Misa, dedican un tempo á lectura do Evanxeo, acoden con frecuencia ao sacramento da confesión, fomentan a devoción á Virxe. Para imitar a Xesucristo, procuran tamén ofrecer algunhas pequenas mortificaciones, especialmente aquelas que facilitan o cumprimento do deber e fan a vida máis agradable aos demais, así como o xaxún e a esmola.

Unidade de vida. O fundador do Opus Dei explicaba que o cristián non debe «levar como unha dobre vida: a vida interior, a vida de relación con Deus, dunha parte; e doutra, distinta e separada, a vida familiar, profesional e social». Pola contra, sinalaba san Josemaría, «hai unha única vida, feita de carne e espírito, e esa é a que ten que ser ?na alma e no corpo? santa e chea de Deus».

Liberdade. Os fieis do Opus Dei son cidadáns que gozan dos mesmos dereitos e están suxeitos ás mesmas obrigacións que os outros cidadáns, os seus iguais. Nas súas actuacións políticas, económicas, culturais, etc., obran con liberdade e con responsabilidade persoal, sen involucrar á Igrexa ou ao Opus Dei nas súas decisións nin presentalas como as únicas congruentes coa fe. Isto implica respectar a liberdade e as opinións alleas.

Caridade. Quen coñece a Cristo atopa un tesouro que non pode deixar de compartir. Os cristiáns son testemuñas de Xesucristo e difunden a súa mensaxe de esperanza entre parentes, amigos e colegas, co exemplo e coa palabra. Afirma o fundador: «Ao esforzarnos de xeito conxunto nos mesmos afáns cos nosos compañeiros, cos nosos amigos, cos nosos parentes, poderemos axudarlles a chegar a Cristo». Este afán de dar a coñecer a Cristo é inseparable do desexo de contribuír a resolver as necesidades materiais e os problemas sociais da contorna.