Un milleiro de voluntarios participan na Recollida de Alimentos "Álvaro del Portillo"

Máis de 350 entidades educativas, relixiosas, sanitarias e sociais de 40 cidades están a participar nesta campaña contra a pobreza infantil (Vigo, A Coruña, Santiago...)

Do Opus Dei
Opus Dei - Un milleiro de voluntarios participan na Recollida de Alimentos "Álvaro del Portillo" Momento da recollida de alimentos en Vigo

Un milleiro de voluntarios de todas as idades, de 40 cidades españolas levan colleitadas máis de 40 toneladas de alimentos na Recollida de Alimentos "Álvaro del Portillo", organizada como unha maneira de vivir solidariamente a inminente beatificación do sucesor de san Xosemaría á fronte do Opus Dei, que subirá aos altares o próximo 27 de setembro.

Aínda que nalgunhas cidades esta campaña contra a pobreza infantil aínda está en marcha, até o momento participaron máis de 350 organizacións, entre colexios, parroquias, asociacións xuvenís, facultades, farmacias e supermercados. Os establecementos, situados en 15 comunidades autónomas, entregarán os alimentos recolleitos a 15 entidades sociais, como algunhas Cáritas parroquiais, Rede Nai, Bancos de Alimentos, e os comedores da Nai Teresa de Calcuta.

Ignacio Perlado, voluntario do comité organizador da beatificación de Álvaro do Portillo e coordinador nacional desta recollida, agradeceu o traballo realizado polos voluntarios e os organismos participantes. "Esta recollida é unha pequena achega para secundar a petición do Papa Francisco de non mirar para outro lado ante as necesidades de quen nos rodean".

Teresa Sádaba, portavoz da beatificación de Álvaro del Portillo, lembrou que esta recollida de alimentos é "unha continuación do seu espírito de solidariedade que lle levou a impulsar por todo o mundo decenas de iniciativas dedicadas á construción dunha sociedade máis humana, máis xusta e máis xenerosa, seguindo o exemplo de san Xosemaría". Os responsables de moitas desas iniciativas virán á beatificación para agradecer a Alvaro do Portillo a súa entrega e manterán un encontro de intercambio de experiencias o día 25 organizado pola Fundación Promoción Social da Cultura.

Ademais, todos os asistentes á beatificación tamén poderán participar deste espírito solidario achegando os seus donativos para a posta en marcha de tres proxectos sociosanitarios en Nixeria, Costa do Marfil e República Democrática do Congo.