"Seguide pregando por min"

Ao incio da Coresma, Bieito XVI meditou sobre as tentacións de Xesús no deserto. Na súa penúltima audiencia explicou ademais os motivos polos que renuncia ao ministerio petrino.

Como sabedes -grazas pola vosa simpatía-, decidín renunciar ao ministerio que o Señor me confiou o 19 de abril de 2005.

Fíxeno con plena liberdade polo ben da Igrexa, tras haber orado durante moito tempo e examinar a miña conciencia ante Deus, moi consciente da importancia deste acto, pero consciente ao mesmo tempo de non estar xa en condicións de desempeñar o ministerio petrino coa forza que este require.

Sostenme e ilumíname a certeza de que a Igrexa é de Cristo, que non deixará de guiala e coidala. Agradezo a todos o amor e a pregaria con que me acompañastes. Grazas.

Nestes días nada fáciles para min, sentín case fisicamente a forza que me dá a oración, o amor da Igrexa, a vosa oración. Seguide pregando por min, pola Igrexa, polo próximo Papa. O Señor guiaranos.

Hoxe, Mércores de Cinza, iniciamos o tempo litúrxico da Coresma, corenta días que nos preparan á celebración da Santa Pascua.

É un tempo de particular esforzo no noso camiño espiritual. Corenta días é o período que Xesús pasou no deserto antes de iniciar a súa vida pública, e onde foi tentado polo diaño.

Reflexionar sobre as tentacións de Xesús no deserto é unha invitación a responder á pregunta fundamental: Que é o importante na vida? Que posto ocupa o Señor na nosa existencia?

As tentacións que afronta Xesús mostran o risco de instrumentalizar a Deus, de usalo para o propio interese, para a propia gloria. Dar a Deus o primeiro posto ante as tentacións require "converterse"; significa seguir a Cristo de forma que o seu Evanxeo sexa guía concreta da vida; é recoñecer que somos criaturas, que dependemos del, do seu amor; que soamente "perdendo" a vida pola súa causa podémola gañar. Converterse é non deixarse invadir polas ilusións, as aparencias, as cousas; é buscar que a verdade, a fe e o amor en Deus sexan o máis importante da nosa vida.