Obras traducidas ao galego

Neste artigo se presentan as obras de san Xosemaría en galego

home

Non son coñecidas con exactitude as orixes da tradución de Camiño ao galego. Quizais se pensou en publicar a obra en galego dentro dun plan de editala xunto coas outras linguas minoritarias da península. É posible que a decisión de editar Camino en galego se tomara nos primeiros meses de 1964. É probable tamén que a idea cobrase forza nalgún encontro entre Pedro Gutiérrez Aguirre, sacerdote vasco do Opus Dei que vivía en Santiago de Compostela, e o escritor e xornalista Armando Vázquez Crespo, que foi o tradutor desta primeira edición galega de Camiño

O caso é que ao redor de 1965 este autor emprendeu o labor de tradución, traballo que se prolongou durante case dous anos. A instancias do tradutor e da mesma editorial Rialp se solicitou unha supervisión deste texto. A editorial Rialp é a que editaba e vén editando o libro desde 1945.

O texto da tradución parece que se lle entregou para a súa revisión a Ramón Otero Pedrayo, Xosé Filgueira Valverde, Antonio Fraguas e Domingo García Sabell. Consérvase o ditame de Filgueira, datado en 1966. Non hai constancia de que se conserven os outros informes, aínda que parece que todos os consultados deron o seu beneplácito e puxeron de relevo a grande dificultade que tiña unha tradución deste tipo.

Cara a 1966 Xosé Filgueira Valverde era alcalde de Pontevedra e director do instituto de ensino medio da mesma cidade. O ditame solicitoullo Jesús Larralde, catedrático de Farmacia da universidade compostelá, que fora director do Colexio Maior A Estila durante varios anos pero que daquela xa non se atopaba en Santiago de Compostela.