«O Opus Dei non é máis que unha gran catequese»

Mons. Javier Echevarría afirma nesta entrevista publicada na prensa catalá que "todos podemos e debemos vivir unha vida de intimidade con Deus, posto que todos somos fillos de Deus, e de todos os seus fillos Deus espera amor".

Do Opus Dei

¿Con que espírito están vivindo a celebración dos 25 anos da prelatura persoal do Opus Dei?

Sen cambiar o ritmo de traballo habitual, cada un está a procurar dar moitas grazas a Deus por todos os bens recibidos. Neste sentido, dispuxen que este ano, ata o próximo 28 de novembro, na prelatura do Opus Dei sexa un ano mariano de acción de grazas. Tamén, claro está, este aniversario é unha oportunidade para renovar o empeño persoal por seguir máis de preto a, Xesucristo en comuñón co Papa e todos os bispos diocesanos.

Empregando termos humanos, ¿pódese dicir que alcanzaron xa a maioría de idade?

Se se mira o servizo que a prelatura está chamada a prestar a Igrexa e ás almas ao longo dos séculos, podemos dicir que está aínda nos comezos; certamente non no que se refire á súa misión -recordemos a vocación de todos os cristiáns á santidade, a través da vida ordinaria-, pero si na amplitude e profundidade da tarefa evangelizadora que ten confiada, pois aínda non é extenso o traballo que podemos asumir en comparación coas expectativas de tantos na Igrexa: por exemplo, dun grande número de bispos que desexarían que comezásemos a traballar nas súas dioceses.

Por outra banda, todos os fieis da prelatura temos cada día o reto de facer realidade esa mensaxe na nosa vida, coa axuda da graza. Dende este punto de vista, que é o que na miña opinión máis importa, o Opus Dei nunca poderá considerarse maior de idade; pois está completamente necesitado da axuda de Deus, como un fillo pequeno necesita dos seus pais.

¿Que representou hai 25 anos para o Opus Dei o recoñecemento xurídico como prelatura persoal? ¿Por que se elixiu esta figura xurídica fronte a outras máis frecuentes no ámbito dos movementos laicales?

A erección do Opus Dei como prelatura persoal polo Papa Xoan Paulo II, despois dunha amplísima consulta a miles de bispos e dun coidadoso estudio, representou o pleno recoñecemento eclesial do carisma fundacional. Como moita xente sabe, o 2 de outubro de 1928 san Xosemaría viu que Deus lle pedía promover en todo o mundo a chamada universal á santidade e unha toma de conciencia efectiva e plena por parte dos laicos da súa misión na Igrexa e no mundo, principalmente a través da santificación do traballo e das circunstancias ordinarias da súa vida. O labor que xurdiu daquela semente inspirada por Deus, e que foi estendéndose por moitas partes do mundo, non atopou a canle axeitada dentro do dereito da Igrexa ata que o Concilio Vaticano II estableceu as prelaturas persoais para determinadas finalidades apostólicas. Esta figura xurídica encaixa perfectamente coa misión -plenamente secular e de ámbito internacional- do Opus Dei, na que converxen organicamente fieis laicos -que seguen pertencendo ás súas respectivas dioceses- e sacerdotes seculares incardinados na prelatura. Por outra banda, subliña a plena comuñón cos bispos diocesanos, e clarifica a súa inserción nas diferentes dioceses. Foi, pois, un día longamente desexado polo fundador, polo que rezou e mortificouse moito, ata o punto de ofrecer o sacrificio de non ver realizado en vida o pleno recoñecemento eclesial por parte da suprema autoridade da Igrexa.

Polo demais, os fieis do Opus Dei, ao procurar vivir con fidelidade o seu compromiso como cristiáns -iguais aos demais-, senten nunha particular comuñón de oración, de intencións e de afectos con todos os carismas da Igrexa, que son sempre unha riqueza do Pobo de Deus: realidades antigas ou novas, como os movementos eclesiales.

¿Como evolucionou a prelatura nestes 25 anos? ¿Cales foron os acontecementos máis importantes?

A definitiva configuración xurídica axudou moito a que se comprendese a misión do Opus Dei ao servizo da Igrexa universal e a súa plena inserción nas Igrexas locais. Durante estes 25 anos, ademais, houbo grandes motivos de alegría, como a canonización do fundador. Outro momento que me parece necesario mencionar é o tránsito do seu primeiro sucesor, Mons. Álvaro del Portillo, a causa de beatificación da cal xa se iniciou. Ademais, a prelatura nestes anos estendeu os seus apostolados a novos países dos cinco continentes.

«Calquera ocupación honrada, ben feita, rematada por amor, pode e debe ser lugar de encontro con Deus»

Non obstante, quixese subliñar que, para os fieis do Opus Dei, os acontecementos máis importantes non son dese tipo, senón os que enchen a vida ordinaria de cada un: aínda que pasen inadvertidos e poidan parecer sen transcendencia, son lugar onde Deus espera cada persoa, lugar no que podemos atopalo.

¿Como afectou a prelatura o falecemento do fundador?

Deus concedeu ao noso fundador un corazón de pai, cheo de humanidade. O seu falecemento causou, nun primeiro momento, profunda dor. Enseguida, non obstante, coa axuda de Mons. Álvaro del Portillo, que nos invitou a todos a que mantivésemos aberta esa ferida na alma para coidar fielmente o tesouro que recibiramos, comprendemos que esta familia do Opus Dei tiña xa a súa cabeza e o seu corazón no Ceo.

Polo demais, san Xosemaría procurou durante toda a súa vida non ser imprescindible. Ocupouse de deixar «esculpido» -así dicíao el- o espírito do Opus Dei. Aos que recibimos ese espírito correspóndenos agora ser moi fieis a esta mensaxe, e facelo frutificar día a día. Dou moitas grazas a Deus por darme a oportunidade de convivir tantos anos cun santo como san Josemaría Escrivá de Balaguer. Confío plenamente na forza da súa intercesión, e penso que hoxe nos segue mirando e axudando co seu afecto paterno e materno, mentres nos di, como repetía con frecuencia: «¡ Máis, máis, máis!» Siempre podemos amar máis, facer máis por Deus e polos demais; para que, cos nosos erros, nos empeñemos por rematar cada día máis preto de Deus que cando o empezamos.

¿Cal é o segredo do Opus Dei para, sobre todo en Europa, seguir atraendo mozos cara a un seguimento radical de Cristo, xa sexa a través da vida matrimonial, do celibato apostólico ou do sacerdocio?

O mesmo segredo que ten a Igrexa, e que non pode ser outro que o atractivo sempre actual de Noso Señor Xesucristo . Sobre todos os cristiáns recae a obriga de facer presentes, co noso exemplo e coa nosa palabra, o rostro e a mensaxe adorables de Cristo sen camuflaxes, aínda que poida parecer que imos a contracorrente. E a experiencia é que Xesucristo sempre arrastra.

Por outro lado, para usar unha comparación que utilizaba frecuentemente san Xosemaría, o Opus Dei non é máis que unha gran catequese. Ofrece medios de formación cristiá e un acompañamento espiritual personalizado aos seus fieis e ás persoas que participan nos seus apostolados. E son estes os que coa naturalidade da súa vida, da súa amizade e da súa conversación persoal, dan a coñecer a doutrina do Evanxeo aos seus familiares, amigos, colegas, veciños...

25 anos despois, ¿cales son os retos máis urxentes que debe afrontar hoxe a prelatura?

O reto fundamental é a santidade persoal de cada un dos seus membros, e a extensión desa aspiración á santidade entre moitas persoas mediante o labor de evangelización. Esta tarefa, que é e será sempre actual, hoxe resulta particularmente urxente, como non deixa de recordar a todos os homes de fe o Santo Pai, Benedicto XVI.

«A prelatura do Opus Dei non pretende ningunha gloria humana; aspira a servir sen segredo ningún, pero discretamente, como o fermento»

Por outra banda, como xa dixen, moitos bispos chaman para que a prelatura comece a súa actividade apostólica nas súas dioceses. Fai xustamente un ano abriuse o primeiro centro do Opus Dei en Moscú. Nestes momentos estamos a rezar e traballando para que se faga realidade o traballo estable da prelatura en Romanía e Indonesia.

Outro reto igualmente perenne para os fieis do Opus Dei e para todos os cristiáns, particularmente para os laicos, é contribuír con todas as mulleres e homes de boa vontade a configurar unha cultura que sexa coherente coa dignidade da persoa humana.

¿Podemos falar de carisma do Opus Dei? ¿Segue sendo «a santidade polo traballo» o piar da súa espiritualidade?

En efecto, e así será sempre. Dunha parte, calquera traballo honesto, calquera ocupación honrada, ben feita, rematada por amor, pode e debe ser lugar de encontro con Deus, de servizo aos demais e de mellora persoal; Deus chámanos non só cando rezamos, senón todo o día. Non cabe falar, pois, de traballos ou ocupacións de segunda categoría, porque todas as ocupacións profesionais poden ser ocasión para atoparse con Deus. E non só o traballo; para os casados, por exemplo, o cumprimento amoroso dos seus deberes matrimoniais e familiares é tamén verdadeiro camiño de santidade, como o é o exercicio do sacerdocio para os sacerdotes, e para todos os cidadáns o cumprimento leal dos xustos deberes cívicos.

Doutra parte, Deus chama a todos a ser santos; non só a algúns, a todos. Todos podemos e debemos vivir unha vida de intimidade con Deus, posto que todos somos fillos de Deus e de todos os seus fillos Deus espera amor.

Moi unidos a esta mensaxe central están a coherencia de vida, o amor á liberdade persoal e o afán por ser sementadores de paz e de alegría no seo da sociedade, sen poñer barreiras a ningunha persoa.

Como prelado do Opus Dei, ¿como afronta a responsabilidade de encabezar un dos carismas máis vivos e entusiastas da Igrexa actual?

Perdoarame se lle protesto un pouco polos termos da súa pregunta. Na Igrexa actual -como sempre aconteceu- hai moita riqueza espiritual, moitas manifestacións de que o Espírito Santo a está a acompañar e inspirando. O Opus Dei é unha proba máis desa perenne vitalidade da Igrexa, pero non queremos ser «os primeiros da clase». Persoalmente, podo dicirlle que coñezo moi ben a desproporción das miñas forzas para a tarefa confiada, e que procuro apoiarme na oración dos fieis da prelatura, dos cooperadores e de tantas persoas que rezan polo noso labor. Pero, ademais, a prelatura do Opus Dei non pretende ningunha gloria humana; aspira a servir sen segredo ningún, pero discretamente, como o fermento.

A intercesión da Virxe María, á que decidiron encomendar este aniversario, seguro que estivo presente durante estes 25 anos...

En efecto. E non só durante estes 25 anos, senón durante toda a historia do Opus Dei. Ante calquera necesidade, recorremos sempre a María. San Xosemaría acudiu, dende os primeiros barruntos do que Deus lle pedía, a Nosa Nai; e, entre moitos outros detalles, foi en peregrinación a santuarios marianos de todo o mundo. Tamén a Montserrat e, especialmente, a Nosa Señora da Merced de Barcelona. As súas visitas a esta basílica barcelonesa gardan unha estreita relación co camiño xurídico do Opus Dei, que concluíu felizmente hai agora 25 anos. No presente e no futuro continuará sendo sempre necesaria a axuda da Virxe. Durante este ano mariano que estamos a celebrar na Obra, animei a todos os fieis da prelatura a vivir con máis esmero a devoción do San Rosario, e a estendela entre os seus colegas, amigos e familiares. É unha oración plenamente actual.

  • Samuel Gutiérrez // Catalunya Cristiana