O IESE formará 40 directivos en Galicia

A escola de negocios presentou en Vigo o programa para o 2012

Do Opus Dei

En tempos de crise, formación. E en tempos de boanza, tamén formación. O IESE Business School , a escola de negocios da Universidade de Navarra situada entre as dez mellores do mundo, presentou en Vigo o programa para directivos que impartirá en 2012 en Galicia.

Prevé formar entre 35 e 40 alumnos, directivos de empresas de varios sectores que na comunidade galega teñen o seu máximo expoñente na empresa familiar, conserveiras e construción. Trátase de "formar líderes que consigan ter un impacto profundo na súa empresa e na sociedade en xeral", explica Luís Arias Hormaechea, director de Executive Education do IESE no campus de Madrid. Di Hormaechea que as claves para ser un bo xefe residen en que "cambie o chip" e que "teña na cabeza que o importante é ter en conta aos seus empregados, crear bo ambiente e conseguir resultados". "Moitas veces un cambia de traballo polos seus xefes", advirte.

O IESE conta con máis de 400 antigos alumnos en Galicia cuxos empresarios din que teñen "capacidade de iniciativa, aproveitamento dos recursos e moito afán de internacionalización", pero que -do mesmo xeito que no resto de España- "deberían ser máis lanzados e saír fóra cos seus produtos porque agora mesmo non hai outra solución", explica o directivo da escola de negocios. E pon como exemplo a Blusens ou a Inditex.

O claustro do IESE está formado por 109 profesores de 28 nacionalidades. Posúe campus en Barcelona e Madrid, un centro en Nova York e oficinas en Munich e Sao Paulo. Imparte clases en Polonia, Alemaña e varios países africanos.

  • Fonte: Atlántico Diario