Moda século XXI: Empresa e Arte

Profesionais da moda analizan no Colexio Maior Arosa de Santiago de Compostela, as súas implicacións culturais, económicas e sociais.

Do Opus Dei

Máis de cen persoas, a maioría alumnos da Universidade de Santiago, participaron nun Ciclo sobre Moda no Colexio Maior Arosa, co obxectivo de coñecer de cerca este fenómeno social. O Curso –impartido durante o primeiro trimestre do ano académico– ofreceu unha visión da moda como expresión cultural, a súa evolución histórica, as repercusións no ámbito empresarial e económico e os seus aspectos artísticos e mediáticos. No programa de conferencias aparece a imaxe da actriz Audrey Hepburn, considerada icona da moda dos anos sesenta, e algúns fotogramas das súas películas máis famosas. Artistas, profesores, periodistas e avogados presentaron os conferenciantes do curso.

Covagonga O'Shea, periodista e presidenta do ISEM, impartiu a sesión de apertura sobre o tema "Moda e personalidade". Asegurou que "a moda é fundamentalmente equilibrio" (...) "o que se leva é o que che vai ben, por riba das tendencias. É moito mellor ter personalidade e ser coherente". Ademais, subliñou que "non se refire só ao vestido, pois a moda ten que ver coas ideas, coa forma de vida e co que está sucedendo". Destacou a importancia da inspiración e a creatividade, xunto coa organización e a estratexia. Animou aos asistentes a apostar, no século XXI, por "a imaxinación, o bo gusto e o vestir con estilo propio".

Para coñecer o fenómeno INDITEX realizaron unha visita ás instalacións da empresa en Arteixo, e asistiron a unha conferencia do conselleiro secretario xeral, Antonio Abril, sobre "A moda nun mundo globalizado". Na súa intervención avogou porque a roupa favoreza o coidado, a aceptación e o respecto ao propio corpo; que o protexa en harmonía coas súas características, sen poñer a persoa en tensión contra el, e axudándoo a gañar en seguridade persoal que aumente discretamente a autoestima e fortaleza a soltura e a naturalidade no trato. Debe comunicar independencia e personalidade, sen estridencias, e respecto cara os demais que se exprese a primeira vista. Suxeriu privilexiar a calidade, a funcionalidade, a elegancia e o confort. Tamén expuxo o compromiso de INDITEX para a prevención da anorexia.

Unha das intervencións no ciclo sobre moda

Juan Monterroso, profesor de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, disertou sobre as relacións entre moda e arte. Sinalou que a moda é un fenómeno cultural, igual cá arte, máis alá da súa condición de produto industrial; parte, xa que logo, do acontecer humano, e expresión dun momento histórico determinado. Moda, arte e historia están moi relacionados.

A periodista Mercedes Ezpeleta falou sobre "Moda e series de TV. A pasarela da ficción". Expuxo como as series de TV axudan a lanzar prendas e converten os seus protagonistas en creadores de estilos. Recordou tamén que a moda non pode reducirse a un consumismo mimético e irreflexivo, pois como toda arte necesita a harmonía e beleza da obra realizada así como reflexión e enxeño.

Carmen Delia García-Fuentes, profesora da Universidade da Coruña centrouse no tema "Estilo e competencias persoais", sobre as características dos profesionais da moda, resultado dun proxecto que está realizando.

Público das xorndas celebradas no Colexio Maior Arosa

"A industria da moda na historia e o territorio de Galicia" foi o obxecto da conferencia de Román Rodríguez, profesor de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela e director do Máster en Xestión e Dirección de Empresas de Moda desa mesma universidade. A súa intervención xirou en torno a como xurdiu en Galicia a actividade industrial dos 80, partindo de cero, ata chegar ao día de hoxe, onde manexamos conceptos como competitividade, deseño, calidade ou produción. Explicou a dificultade que entrañaba nas orixes a inexistencia de industrias e repasou os principais puntos de referencia en moda galega.

Unha clase práctica sobre "A sinxeleza do belo" a cargo do deseñador Toni Benítez –que viste persoas da Casa Real e do mundo do espectáculo– clausurou o curso de Moda. Comezou advertindo que as tallas 34 e 36 son como un veleno para a xuventude. Amosou, a seguir, bocexos dos seus deseños e outros realizados in sit­u, explicando como a elegancia é natural e inconsciente –expresión da propia personalidade–, defendendo que o modo de vestir auténtico debe ter estilo propio e exclusivo, e que a elegancia está relacionada coa beleza e realza a personalidade de cadaquén.