Deseñando a moda galega.

Dende os quince anos, Chicha sentiu atracción polo debuxo e a pintura. Conseguiu unha bolsa para ir a San Fernando e comezou a pintar cadros, dar clases de pintura e restaurar antigüidades.

En primeira persoa

Ao deseño, pola pintura

Tras casar, dedicouse durante algúns anos á educación dos fillos, mentres eran pequenos. Máis adiante, en 1980, “coa axuda do meu home, inicieime no mundo do deseño de moda”. Era empresario textil e animouna a traballar nese eido. Na súa opinión, “pintura e deseño teñen moito en común, como expresións artísticas... O que podes facer na paleta tamén o podes facer no deseño. Ademais, grazas á pintura, cheguei a ter coñecemento esencial das cores e isto é fundamental no mundo da moda”.

Lembra o seu desembarco no grupo de moda galega que se formou anos despois... Un profesional da imaxe de Ourense soubo descubrir a importancia dalgúns deseñadores galegos e creou un grupo que coloquialmente chamaban “os sete magníficos” da moda galega, que recibiron moito apoio para expoñer e difundir as súas creacións, en España e no estranxeiro. “A el se debe, enrealidade, a famosa frase a engurra é bela,...” recorda. Chicha Solla e outra deseñadora foron as primeiras mulleres que entraron no equipo de Galicia moda, con deseños para a muller.

O primeiro desfile foi en París, no 82, e logo seguiron outros, que axudaron a difundir a marca “moda galega” no mundo: Gaudí, Cibeles, Expo de Sevilla, etc. Arabes, xaponeses, e profesionais doutros países interesáronse polo deseño galego.

Chicha ten un recordo especial para a pasarela “Campus Stellae”, de Galicia, que tivo cinco edicións e serviu para presentar moitas creacións de deseñadores galegos á sociedade. Eran días de moito traballo, pero tamén ocasión de dar á sociedade ideas paa vestir ben, con elegancia e bo gusto.

Lembra tamén o encargo que lle fixeron desde a Xunta, para deseñar o traxe galego de gala, para cerimonias oficiais, de pano, terciopelo e raso... En realidade, a inspiración de Chicha ten fortes raices na súa terra. “Sempre procurei recuperar elementos do vestiario tradicional galego, para incorporalos nos deseños”, sinala.

Para compartir ideas e proxectos, creou en 1987 a Asociación Galega de Mulleres na Moda, que pronto reuníu profesionais do sector. A Asociación organizará desfiles e actividades culturais relacionadas coa moda, apostando desde o principio pola dignidade da muller, e co desexo de facilitarlle unha moda elegante e moderna. Tamén idearon un premio, “a tesoira de prata”, para aquela persoa ou institución que se distinga dentro do mundo da moda. 

Contou sempre co apoio da súa familia. Unha grave enfermidade do seu marido e o accidente dun fillo puxérona a proba hai algúns anos. “Grazas á axuda de Deus, puiden seguir adiante nesas circunstancias... en realidade a formación cristiá que me facilitaba o Opus Dei axudoume desde o principio a rezar e traballar ben, procurando ser útil aos demais e a saberme sempre nas mans de Deus, tamén neses momentos de graves dificultades... El fíxome sentir forte e axudoume a seguir na brecha, con esperanza... Desde a tenda procuro transmitir as miñas experiencias a outras persoas que pasan dificultades...”.

Inspiración e empresa…

“A miña inspiración está nas rúas, no público que se achega á miña tenda, nos seus desexos; aínda que, por suposto, non son allea ás correntes europeas. Son metade deseñadora e metade empresaria.... Considero interesante facer un deseño elegante, feminino, para a muller de hoxe, que precisa atender moitos frentes profesionais e familiares, e quere ir ben vestida, de acordo coa súa dignidade. Axudo a destacar a beleza que hai en cada unha. Coido especialmente que todas as prendas estean moi ben cosidas... ¡As persoas que traballan comigo saben que esixo moito nestes temas e que non acepto chapuzas... teño xa un gran equipo de profesioanis da costura! Alguén di que é a “marca” da casa. Centreime en vestidos de cerimonia e gústame axudar aos meus clientes a ir moi ben arreglados... E se son noivas, tamén gozo vestíndoas nun momento esencial da súa vida, facéndoas ver a grandeza do matrimonio... Ao longo destes anos cheguei a ter moitas amizades, que continúan vindo para as celebracións dos fillos e parentes. Alégrame volvelas ver e escoitar de novo... Saben que sempre estarei disposta a compartir os seus problemas e axudalas, ademais de procurar que vaian moi ben vestidas".

  • Lembranzas de Chicha Solla