Cando Deus métese na vida dun panadeiro

Teño unha panadería na que traballamos catro irmáns e catro empregados, nunha vila que é máis de gaiteiro que de pan aínda que eu non sei tocar a gaita. Vivo en Soutelo de Montes, Pontevedra. No mapamundi Soutelo está entre as provincias de Ourense e Pontevedra, preto da vila de Lalín e O Carballiño. E, claro, entre o cocido e o polbo non pode faltar o pan.

En primeira persoa

Pero ti que estás a ler isto, vas pensar ¿Por que raio estou eu nesta paxina? Pois moi doado. Seguide o meu relato. Chámome Javier Darriba. Son agregado do Opus Dei e traballo como panadeiro en Soutelo de Montes (Pontevedra).

O único que ten dereito a meterse na vida de cada un é Deus, a Beleza, a Grandeza. Pois ben, Deus meteuse na miña vida hai uns anos. Eu tiña escoitado cousas sobre o Opus Dei pero nunca falara con algún dos seus membros ata que marchei ao servizo militar e alí coñecín unha persoa que pertencía á Obra. 

Daquela era un cristián que cumpría máis ou menos. Ía ao enterros, aos cabos de ano –como a maioría dos galegos-. Tamén moi de cando en cando confesaba. E todo isto grazas aos meus pais que sen coñecer a Obra eran moi bos cristiáns e formaron aos seus fillos moi ben. 

No servizo militar comecei a ir máis a santa Misa, a confesar... Dinme conta que se ti lle das un a Deus, El dache o cento por un. Así comecei a ver que Deus pedíame máis e, por outra banda, a min o oficio de panadeiro gustábame moito e estaba moi ilusionado. Neste punto foi decisivo xa que Deus púxome diante persoas da Obra que me falaban de ser santo no meu traballo profesional. Explicábanme que non fai falta saír do mundo, senón que un se pode santificar facendo o que fai, pero facéndoo por amor a Deus. Animábanme a traballar mellor, a ter espírito de servizo e todo a pesar dos defectos que poda ter un. 

Isto todo non supuña un cambiarme a vida. Unha vez que solicitei a admisión na Obra seguín facendo o que facía antes, pero moito máis contento e con moita máis ilusión. 

Unha manifestación dos efectos do espírito da Obra na miña vida profesional –buscando a santificación do traballo-, é que ampliamos a variedade de productos do negocio. Comezamos a facer empanadas, bolería, repostería... Ademais de formarme a través de cursos.

Os meus veciños o que máis notaron ao ser do Opus Dei é que vou a santa Misa todos os días. Eso si, non axudo habitualmente ao sacerdote xa que nin son crego nin vou para crego. Isto a xente costoulle o seu entedelo. As velliñas querían que axudase a Misa, que lles rezase o rosario e mais o Vía Crucis. Eu non o admitín porque quería que entendesen como unha persoa corrente ten a mesma obriga de ser santo que un relixioso ou un sacerdote. As veces, a xente confunde, como me pasou hai anos, aquela vez que fun a casa dun defunto da vila e o entrar a súa viúva dixo aos presentes: “Calade todos que Xavier vainos rezar un responso...”.

Monumento aos Gaiteiros de Soutelo (elcorty)

Agora co pasar dos anos e despois da canonización de san Josemaría  Escrivá de Balaguer a xente xa se da conta que non vou para cura nin para frade –os que tanto admiro e tanto quero-. Considéranme un máis deles.

                                                                                                                  

Nestes anos foi medrando a miña devoción a San Xosemaría. E tamén trato de estendela entre as persoas que coñezo. Lembro como un día chegou unha parella moza ao meu despacho de pan. Estaban a buscar un mecánico que lles arranxase o seu coche que se parou alí diante do meu negocio. E rematei de despachar. Logo saín e fun ata o vehículo. Eu non teño idea de mecánica, pero encomendeime a San Xosemaría e ordeneilles que abriran o capó para ver o motor do coche. Así o fixeron. Botei unha ollada, mentres lle pedía a San Xosemaría que lles arranxara o coche. Mandeille pechar e que accionaran o contacto do coche. Así o fixo o mozo e o vehículo acendeu como se non tivera nada. A parella preguntou: ¿que lle fixeches?, sorprendida de que sen facerlle nada o coche arrancase. Eu espeteilles: -Agora lle traio o mecánico. Fun a tenda e collín unha estampas para devoción a San Xosemaría. Entregueillas á vez que lles dicía: -Este é o mecánico. Eles marcharon felices e co problema solucionado e eu quedei pensando como ‘funciona’ acudir ao Fundador do Opus Dei. 

Tamén trato de pór en contacto coa Obra aos meus amigos. E, as veces, as cousas ocorren máis rápido do que se prevé. Marcelo é meu amigo e ten dous irmáns no Brasil. Gustoulle a espiritualidade do Opus Dei porque é “coñecer máis a Deus, pero seguir co meu traballo”, dicía Marcelo. Cando se incorporou aos medios de formación, ao pouco tempo puxo en contacto coa labor da Obra aos seus irmáns el mesmo buscando na Internet as direccións de centros da Obra en Brasil. Aos dous días, trala súa xestión, xa estaban os seus irmáns acudindo a medios de formación cristián da Obra ao outro lado do Atlántico.