Algúns datos históricos

Breve resumo do desenvolvemento histórico do Opus Dei en Galicia

O Opus Dei en Galicia

En xullo de 1938, o Fundador do Opus Dei chega como peregrino a Santiago de Compostela, beneficiándose das grazas xubilares do Ano Santo de 1937, que se extenderon -por mor da Guerra Civil- ata 1938.


Ademais, san Xosemaría fixo outras viaxes a Galicia para preparar os comenzos do labor apostólico e para dar pulo a iniciativas educativas e sociais promovidas por membros da Obra xunto con outras persoas, especialmente entre 1943 e 1948. Desde aquela -xa residía en Roma- san Xosemaría Escrivá espacia a súas viaxes a terras galegas. A derradeira vez que estivo en Galicia foi en xullo de 1961.

Os primeiros membros da Obra chegan a Santiago a partir de 1943; entre eles atópanse Amadeo de Fuenmayor, catedrático de Dereito Civil e Laureano López Rodó, catedrático de Dereito Administrativo. O primeiro centro da Obra instálase na compostelá Rúa Nova, no ano 1945.

En decembro de 1948 inaugúrase o Colexio Maior La Estila, institución que cos anos acadará gran raigame académica e cultural na Universidade de Santiago e que celebrou hai uns anos o seu cincuentenario, coa asistencia de residentes de case todas as promocións.

No ano 1949 o Colexio Maior La Estila celebra o seu primeiro curso de verán, ao que asisten universitarios de distintas zonas de España. A este curso asiste o actual Prelado do Opus Dei, Mons. Javier Echevarría, daquela un estudiante novo.

En 1968 publícase Camiño, a edición galega de Camino, o libro máis coñecido de san Xosemaría Escrivá. En 1991 publícase unha segunda versión. En 2006 apareceu a versión galega de Via Crucis.

En maio de 1992 o Santo Pai Xoán Paulo II beatifica en Roma ao Fundador do Opus Dei. Dende Galicia acuden moitos membros da Obra con familiares e amigos: en total, unhas 4.000 persoas.

En xuño de 1995 Mons Javier Echevarría visita Galicia para manter encontros con fieis, cooperadores e amigos da Obra en diversas cidades, como a que tivo lugar no Coliseum de A Coruña, onde se reuniron máis de 13.000 persoas.

En outubro de 2002 tivo lugar en Roma a canonización de san Xosemaría, á que tamén asistiron varios milleiros de galegos. Ese ano, coincidindo co centenario do nacemento do Fundador do Opus Dei, celebráronse en Galicia numerosos actos conmemorativos, como exposicións, mesas redondas, conferencias, etc. para dar a coñecer a súa mensaxe, vida e herdanza.