Xuventude solidaria

A Asociación xuvenil Aguia de A Coruña, desenvolve unha variada gama de actividades formativas para a xuventude, despregadas en diversos campos como o deporte, o estudio, actividades de tempo libre, culturais, etc. Un dos aspectos que se cultivan, seguindo as ensinanzas de San Xosemaría, son as actividades solidarias, centradas na atención e axuda ás persoas máis desfavorecidas (enfermos, anciáns, indixentes, inmigrantes, etc.).

De visita no Fogar Sor Eusebia de A Coruña

Neste sentido poderiamos destacar as frecuentes visitas ao Fogar de Sor Eusebia, acompañando os asociados (con monitores) ás persoas residentes, tomando café con elas, charlando acerca dos seus problemas, escoitándoos, etc. En poucas palabras: levar compañía xuvenil a persoas desarraigadas por diversas circunstancias do seu ámbito familiar, e necesitadas de afecto.

 

Outra actividade solidaria desenvolvida é pintar vivendas vellas ou descoidadas de persoas con poucos recursos económicos, como anciáns,pensionistas, familias en paro ou similares. Un grupo de asociados busca a doazón de pinturas e monos de traballo (cóntase coa colaboración da ONG "Cooperación Internacional") e durante as fins de semana traballan nos lugares indicados pintando gratuitamente os domicilios daquelas persoas que o solicitan.

Algúns voluntarios da operación de rehabilitación de vivendas xunto a uns beneficiarios

O Estudio solidario é outra actividade que se desenvolve na asociación.  Coordinados con Cooperación Internacional consiste en que por cada hora de estudio que aproveite un novo no club, a citada ONG achega un euro a algún labor solidario.

Os estudantes van acumulando, ao longo dos meses, horas de estudio en forma de billetes que se van depositando nunha urna.

Ao finalizar a actividade solidaria envíanse a Cooperación Internacional as horas totais, e esta ONG consegue que se convertan en euros para empregalos nalgún proxecto novo ou en desenvolvemento.

Estas actividades comentadas son unha mostra das moitas iniciativas desenvolvidas no Aguia no campo da solidariedade intercultural e interxeracional polos novos asociados e amigos.