Traballando pola cultura dende Arosa

Entrevista a Belén Villamayor, directora do Colexio Maior Arosa de Santiago de Compostela, ás portas dun novo ano Xacobeo

Belén Vilamayor nun acto no Colexio Maior Arosa

P. ¿Que supón vivir no Colexio Maior?

R. Despois de todos estes anos, comprobo que é unha grande experiencia para estudantes da Universidade. Ofrece un ambiente familiar, de estudio, con actividades culturais, solidarias e deportivas, que facilitan unha educación universitaria de calidade. Dende 1981 Arosa está adscrito á Universidade de Santiago, de gran tradición e prestixio, alma mater de numerosos intelectuais destacados. Na actualidade contamos coa colaboración de moitos profesores das distintas facultades para as actividades culturais.

P. ¿De onde proceden as residentes?

R: Un 80% adoitan ser galegas. O resto, doutras rexións de España ou diferentes países como Brasil, Estonia, México, Polonia, Italia, Panamá, Perú, Corea, Ecuador, Colombia...

A posibilidade de convivir con persoas de diversas culturas é moi enriquecedora. Facilita aprender a respectar opinións, traballar en equipo, ou desenvolver novas habilidades e intereses. Moitas residentes coinciden en afirmar que vivir en Arosa lles supuxo unha boa ocasión para formarse como persoas e adquirir amizades duradeiras.

"A posibilidade de convivir con persoas de diversas culturas é moi enriquecedora. Facilita aprender a respectar opinións, traballar en equipo, ou desenvolver novas habilidades e intereses".

P. ¿Que achega o Colexio Maior á formación persoal das universitarias?

R. A convivencia amable e cordial, xunto cun bo ambiente de estudio e un alto nivel cultural xogan un papel insubstituíble no desenvolvemento integral do universitario. Ofrécense tamén actividades de formación espiritual e humana, para as residentes que desexen desenvolver a súa vida cristiá e mellorar en virtudes humanas.

Procuramos ilusionalas con ser bos profesionais, para axudar á sociedade. Ensinalas a traballar ben é un dos obxectivos prioritarios do Colexio Maior. Dende hai moitos anos imos ampliando a biblioteca, con libros de todas as carreiras e organizamos actividades culturais e solidarias que completen a súa formación. Para iso ofrecemos un programa curricular complementario (PCC) formado por cursos recoñecidos con créditos de libre configuración pola USC, convenios con outros colexios maiores do estranxeiro para realizar prácticas en verán, posibilidade de obter o título de inglés de Cambridge, etc.

Unha boa formación profesional debe incluír unha boa formación humana.

P. ¿Que actividades culturais ofrecen?

Na sala de estudo do Colexio Maior

R. Faladoiros culturais e cursos ou ciclos de diversos temas. Os cursos versaron sobre os retos actuais da Educación, Protocolo, Saúde e Vida, Cinema ou Moda. Todos eles están recoñecidos con créditos pola Universidade.

Ademais todas as semanas acoden ao faladoiro intelectuais universitarios, ou profesionais doutros ámbitos culturais e sociais, que transmiten ás residentes experiencias e proxectos de interese da súa profesión (Pintura, Periodismo, Economía, Bioética, Historia, Moda, Educación, Música, etc.).

Noutros faladoiros algunha residente expón un tema relacionado coa súa carreira ou realizamos debates sobre un tema de actualidade. Nestas discusións aprenden a argumentar as súas ideas e valorar as opinións dos demais.

Estamos tamén en contacto con estudantes doutros países, e anualmente temos en xaneiro en Arosa a fase local do Congreso Internacional universitario UNIV. É un bo reto para analizar temas importantes nun mundo globalizado.

P. ¿E como aprenden a solidariedade?.

R. Aprendendo a ser bos profesionais, poden prestar o día de mañá un servizo de calidade na sociedade onde vivan. Máis especificamente organizamos cada ano actividades solidarias tanto durante o curso coma en verán. Durante o curso académico realizamos un labor de voluntariado en coordinación co Hospital Clínico Universitario de Santiago, que inclúe sesións teórico-prácticas. Tamén teñen a oportunidade de dar catequese a nenos ou visitar anciáns. En verán algunhas residentes participan en campos de traballo no estranxeiro. Recordo un nun hospital oncolóxico infantil de Bratislava (un neno comezou a reir despois de cinco anos; o pai doutro que non sabía o noso idioma chamou a un amigo a Brasil para que nos manifestase en portugués o seu agradecemento pola axuda ao seu fillo, etc.). Ao final, sempre aprendemos moito máis do que fomos a ensinar....

Varias residentas nunha etapa do Camiño de Santiago

 P. O 2010 é Ano Xacobeo, ¿que actividades organizades relacionadas co Camiño de Santiago?.

R. Sempre facemos o Camiño coas residentes que o desexan, ás veces doutros países. Adoitamos facer o camiño francés. Gústalles moito e algunhas volven de novo, con familiares ou amigos. Unha antiga residente de México volveu a España para facer o Camiño dende Roncesvalles, en bicicleta, con varios colegas.

Para todo o mundo é unha experiencia positiva facer o Camiño.

Ademais invitamos a profesores e expertos aos faladoiros para dar a coñecer o Camiño de Santiago en todas as súas dimensións (relixiosa, cultural, social, etc.).

P. ¿Teñen contacto coas antigas residentes?

R. Si. Habitualmente en Nadal chaman ou escriben e é unha alegría ter noticias de todas. Este ano en marzo tivemos unha reunión coas últimas promocións de antigas residentes, á que asistiron un bo grupo delas. Gozando moito recordando o seu anos no Colexio.

 P. ¿Que máis actividades culturais tedes previstas?

R. Este ano 2009 é o Ano internacional de Astronomía e invitamos o director do Observatorio astronómico a impartir a conferencia do Acto de clausura de curso.

Estamos a preparar tamén actividades para o próximo ano Xacobeo 2010.