"Ter unha familia numerosa obrígache a estar sempre en forma"

Patricia Donesteve é arquitecta e é de Vigo, Pablo Poole é de Bilbao e estudou ICADE e é master do IESE. Casaron hai 16 anos e agora teñen dez fillos.

Aínda que apenas superan os corenta anos de idade, calquera dos dous podería responder a unha ampla entrevista sobre as súas respectivas profesións. Patricia ten xa unha notable experiencia na dirección de proxectos de deseño de Interiorismo -tamén deu clases na escola oficial de Xoiaría-, e Pablo leva anos na mesma multinacional do sector enerxético, onde tivo moitos traballos e estivo "en case todos os negocios", dende as enerxías renovables ata a área de subministracións.

Tamén poderían falar das súas respectivas orixes, ou de como se coñeceron, dos anos que pasaron en Colombia, dos momentos bos e dos non tan bos, das súas eleccións e renuncias, de como cada fillo foi traéndolles un pan baixo o brazo: ás veces sutilmente, outras de forma tan patente que chegaba a noticia dun traballo ou unha mellora o mesmo día da noticia do embarazo ou o día do parto. Ela é de Vigo e son sete irmáns, e el naceu en Bilbao e son catorce, motivo polo que Pablo se atreve a chancear que "en certo modo, tamén temos unha familia numerosa" por tradición". Patricia esquiaba de marabilla e Pablo era monitor de Vela; pero casaron, comezaron a chegar os nenos... e o seu tema preferido de conversación agora é a familia.

"Non só de conversación -apostila Pablo-. A nosa familia é tamén o territorio no que se desenvolven as nosas afeccións, as nosas preocupacións... todo". "Dános un pouco de vergoña -continúa Patricia- ser entrevistados coma se tivésemos un mérito especial. O principal para sacar adiante a familia é contar cos fillos, coa súa axuda, cos seus problemas, coas súas preguntas e coas súas respostas. Por exemplo, grazas aos meus fillos eu teño moitas amigas, as nais dos seus amigos; e moitas oportunidades de falar de con elas e de compartir, aprender, e tamén ensinar, por exemplo ofrecendo medios de formación cristiá como os que eu frecuento".

"Procuramos gozar da familia en cada instante, todos, ou case todos os momentos son bos para sacarlles partido, aínda que ás veces supón esforzo -di Pablo noutro momento, talvez sen darse conta de que todo o que di serve como titular da entrevista-. Ter unha familia numerosa obrígache a estar sempre en forma, tamén espiritualmente".

"A cultura do éxito leva ás veces a organizar a vida esquecendo do máis importante. E conste que a vida non é de cor rosa, e a nosa tampouco; pero rozarte cos fillos, educalos co exemplo e os razoamentos, axúdache a esforzarte en ser mellor... e ata a comprender mellor a Deus Pai, que nos quere aínda máis ca nós aos nosos propios fillos, que nos quere como somos e se derrete por nós, que solo quere noso ben, está sempre atento ás nosas necesidades... Das nosas obras o que máis lle gusta é o amor que poñemos nelas. Como a ilusión dos nosos fillos cando che traen un debuxo para o día do pai "...

"Pablo enseguida se pon profundo cando fala destes temas -Patricia quita ferro-. Gústanos gozar de cada momento cos fillos. Tamén participamos en distintas actividades de orientación familiar, e coordinamos o curso UN VERÁN DIFERENTE de Aula Familiar, unha ocasión magnífica de descansar, ocupar o tempo libre dos rapaces e formarse ".

Son optimistas, e reservados para contar as dificultades. Non nos falan das noites en vela, nin das viaxes a urxencias, nin dos cambios de plans, as hipotecas ou o prezo das escolaridades, senón das anécdotas; pero apréciase doadamente que son dos que ven "oportunidades" onde ás veces só vemos os "problemas".