"Ser sacerdote é unha necesidade e unha chamada"

O sábado 23 de maio, o Prelado do Opus Dei ordenou 30 novos sacerdotes en Roma. Proceden de 12 países diferentes. Ofrecemos unha entrevista cun deles, Ricardo López-Pardo, procedente de A Coruña.

En primeira persoa

¿Como coñeciches o Opus Dei?

A través de varios amigos, compañeiros de clase do colexio, que me invitaron a algunhas actividades da Asociación Rueiro , dirixida por persoas do Opus Dei. Os meus pais, os dous de Obra, nunca me insistiron para que me puxese en contacto cun centro do Opus Dei. Pero si que me educaron, a min e aos meus irmáns, na fe católica. Rezabamos en familia, iamos a Misa xuntos, e déronnos moi bo exemplo... O típico dunha familia cristiá, e moi habitual hai non moitos anos. O que máis me axudou, penso eu, desa educación foi a liberdade e a alegría coa que vive toda a familia nosa fe, sen ningún complexo de "facer cousas raras".

Logo, ao poñerme en contacto coa Obra, dinme conta que non me ensinaban "cousas novas" que aprender. E iso sorprendeume, porque esperaba o contrario. Esencialmente, todo era o mesmo que vivira de neno. Aínda que na Obra me animaban a vivir a fe con maior esixencia, comprometéndome máis, o ambiente era o mesmo que atopaba cos meus pais e irmáns: liberdade e alegría.

¿Por que sacerdote agora, despois de varios anos de traballo profesional?

Pois, sinceramente, é algo moi sinxelo e, á vez, complexo de explicar. No meu último traballo, como profesor de bacharelato, intentaba axudar aos alumnos a ser bos estudantes e comunicarlles algo do interese que sinto pola Historia, que é a materia que máis tempo ensinei. Tamén como titor, procuraba que eles tomasen conciencia de que non hai oposición entre aprender a ser boas persoas e ter un bo expediente ou o éxito profesional. Aprendín moito eses anos de eles e das súas familias, e espero habelos axudado algo. Todo isto cóntoo porque como profesor dábame conta que podía facer moito ben a moitas persoas.

Pero tamén dime conta que podía servir a moitas máis persoas como sacerdote, e que no Opus Dei fan moita falta sacerdotes. A Obra está a crecer por todo o mundo. Aínda que na súa maior parte os fieis da Obra son persoas casadas ou solteiras, co seu traballo, familia e ocupacións, tamén necesita que haxa sacerdotes que ofrezan os sacramentos e atendan espiritualmente a eles e aos seus amigos.

É unha necesidade e unha chamada. Por iso dicía que é sinxelo e complexo. Podía facer moito como profesor. Pero penso que, coa chamada ao sacerdocio, poderei facer moito máis. Non me sinto nada especial. Nin creo que teña unha facilidade particular para servir á xente ou ser "cura". A fin de contas, é Deus o que se cruza no teu camiño e che di que facer e como facelo. Realmente, é así -polo menos no meu caso- como algo que parece dificil e complicado se converte en moi sinxelo.

"Emocionoume atoparme con tantas mostras de respecto e simpatía por parte de moitas persoas de ideas tan distintas".

¿Que opinan a túa familia e os teus amigos?

Na miña familia están moi contentos. Todos me felicitaron e apoian a miña decisión. E entre os meus amigos sorprendeume a alegría e o respecto que mostraron todos. Tamén os que non viven demasiado a fe ou abandonárona, e os que non comprenden ben o labor da Obra. Emocionoume atoparme con tantas mostras de respecto e simpatía por parte de moitas persoas de ideas tan distintas.

¿Que che parece que necesita a Igrexa agora?

Que os cristiáns procuremos vivir con plenitude a fe, con alegría. E os sacerdotes temos un papel non pequeno nisto. Parece demasiado xenérico, pero o Evanxeo ten moita máis forza que calquera dificultade. O cristianismo, vivido con coherencia e respecto aos que non son cristiáns, é capaz de renovar calquera realidade, por dura que sexa.

¿Por que cres que diminuíron as vocación nos últimos tempos?

Esta pregunta é un pouco pesimista. É certo que en Europa e a maior parte de Occidente descenderon. Pero en Roma puiden coñecer sacerdotes, seminaristas e fieis correntes de todo o mundo, e a gran sorpresa é ver que noutras rexións do mundo as vocación crecen. Tamén nalgúns lugares da "vella Europa". Aínda que o máis rechamante, quizais, sexa a vitalidade e madurez da Igrexa en tantos países de África e Asia, en moitas ocasións cunhas dificultades enormes. É posible que nas nosas sociedades de occidente -un tanto encerradas na tranquilidade e a seguridade que alcanzaron- fáganos falta mirar máis cara a África e Oriente. E aprender como se vive o cristianismo con alegría, con maior entusiasmo, con máis fe.