San Xosemaría, peregrino a Santiago

"O Camiño de Santiago desperta un dos desexos máis profundos do corazón do home, o devezo de purificarse, de mellorar; en fin, o desexo de Deus". San Xosemaría Escrivá introduciu en moitas almas este desexo polo Pai Deus. Á tumba do apóstolo peregrinou en 1938. Cando se cumpren cinco anos da canonización de San Xosemaría, ofrecemos un artigo de prensa.

O CAMIÑO de Santiago desperta un dos desexos máis profundos do corazón do home, o anhelo de purificarse, de mellorar; en fin, o desexo de Deus. Tal é a razón do seu pulo imparable. E nesa busca o exemplo dos santos é unha boa axuda.

Entre os peregrinos canonizados dende o último Ano Xubilar está san Xosemaría Escrivá, a quen Xoan Pablo II proclamou santo o 6 de outubro de 2002 e que celebra a súa festa litúrxica o 26 de xuño.

Chegou por primeira vez á tumba do Apóstolo en xullo de 1938 dende Burgos, en tren. Por mor da guerra civil, ampliouse o Ano Xubilar de 1937 e nesas graves circunstancias san Xosemaría quixo peregrinar a Santiago. Veu con don Eliodoro Gil, que logo sería moitos anos canciller secretario do Bispado de Tui-Vigo. Chegaron a Santiago ao remate do día 17 e hospedáronse no hotel La Perla, preto da Herradura.

Chegara a Compostela con piedade de peregrino, con desexos de perdón e de alcanzar as grazas que a Igrexa dispensa no Ano Xubilar. Dende León escribira a unhas persoas do Opus Dei: «Pedide por min, que este Xubileo xacobeo me limpe e me encenda a alma». Cara as oito da mañá do día seguinte se dirixiron á Catedral e tras rezar na capela do Santísimo, celebraron a santa Misa.

Desta celebración queda outra breve e intensa lembranza epistolar: «Santiago de Compostela e finais de xullo, na cripta, xunto ás reliquias do Apóstolo, vívense pausadamente as oracións e as accións da santa Misa. O crego xunta as mans e á altura do rostro, recóllese: as súas preces son por vós, por todos e por cada un... Podedes asegurar que en espíritu, gañástes o Xubileo xacobeo».

San Xosemaría visitou Santiago en varias ocasións máis durante a década dos 40 para poñer os cimentos do labor apostólico de membros do Opus Dei en Galicia. A última vez que rezou ante a cripta do Apóstolo foi o 25 de xullo de 1961.

É imposible medir a trascendencia íntima daquel primer xubileo. Pero o caso é que, por aquel entón, san Xosemaría ultimaba en Burgos a redación dun libriño, "Consideraciones espirituales", que viu a luz en Cuenca catro anos antes e que contiña 440 puntos de meditación. Propuxérase amplialo a 999 consideracións e, aos poucos meses da súa peregrinación compostelá, xa en fase de edición, decide de pronto cambiar o título e o libro chamarase Camino.

Por que elixiu ese título para o seu libro?, pregúntase o autor da edición crítico-histórica de Camino (Pedro Rodríguez, Rialp 2002). ¿Que mensaxe ten esta palabra -Camiño- no título desta obra? OCamino de san Xosemaría non é un manual de peregrinos, aínda que non poucos o levan nas súas mochilas.

Ese libriño, do que se publicaron xa varios millóns de exemplares en moitos idiomas, é un aluvión de luz e de consellos para os que pensan nun camiño longo, que abarca toda a vida, e que non remata ata que o fai na eternidade de Deus. San Xosemaría abre o libro cun desafío ao camiñante: «Que a túa vida non sexa unha vida estéril. Sé útil. Deixa poso (...). Encende todos os camiños da terra co lume de Cristo que levas no corazón».

Na mente do autor, o camiño é Cristo, que abre horizontes de plenitude humana e sobrenatural na existencia irrepetible de cada persoa.

Carlos Carrasco/La Voz de Galicia