Rosas brancas en recordo de Rita Regojo

Aldeas Infantís rende unha homenaxe póstuma á súa fundadora en Galicia no corenta aniversario da asociación. Rita Regojo era supernumeraria do Opus Dei

Do Opus Dei

O labor solidario da redondelana Rita Regojo Otero, fundadora de Aldeas Infantís de Galicia, recibiu onte o recoñecemento desta asociación de apoio á infancia nun emotivo acto rodeado de familiares e amigos.

A homenaxe póstuma, celebrado nos xardíns do centro de acollida de Ventosela (Redondela), consistiu no descubrimento dun busto de bronce da emprendedora falecida en xullo do pasado ano, e co que quedará perpetuado o seu recordo. O acto, que coincide co corenta aniversario do traballo de Aldeas Infantís en Galicia, contou coa presenza de máis dun centenar de asistentes, entre os que destacaron numerosas personalidades do ámbito empresarial e político, como o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, e os deputados provinciais Marta Igrexas e Alberto Pazos, entre outros. Tamén acudiron todo o goberno redondelano, encabezado polo alcalde Javier Bas, así como o ex-rexedor, Xaime Rei, xunto á súa muller, Fita Villaverde, moi amigos da familia.

O presidente nacional de Aldeas Infantís, Juan Belda, destacou o gran traballo desenvolvido por Rita Regojo para conseguir facer realidade a aldea de acollida de Ventosela, que conta con sete fogares con capacidade para atender a 48 nenos. "Foi unha adiantada ao seu tempo, loitou para dar unha familia aos nenos desamparados nun tempo no que as institucións públicas só contemplaban os orfanatos para este fin", indicou Belda. Ademais resaltou que Rita tiña "o seu corazón e alma" posta na aldea redondelana.

A presidenta de Aldeas Infantís de Galicia, Rosa Freire, lembrou o agarimo que todos os nenos sentían pola homenaxeada, a quen chamaban "tía Rita", e agradeceu o seu "esforzo e perseveranza para conseguir transformar un monte de toxos e piñeiros na actual aldea", que ofrece un ambiente familiar que favorece o benestar e o desenvolvemento integral do menor.

Tamén o alcalde redondelano, Javier Bas, eloxiou o labor de Rita, "que situou a Redondela como referente en Galicia en algo tan importante e bonito como é a axuda aos nenos".

Un dos momentos máis emotivos viviuse cando o marido de Rita, Adriano Marques de Magallanes, e o seu fillo José Antonio, descubriron o busto, e tres nenos acollidos na aldea colocaron xunto á súa base un ramo de rosas brancas, a flor favorita da homenaxeada. Por este motivo todos os presentes portaban unha rosa no seu recordo.

  • Antonio Pinacho, Faro de Vigo