“Procuro que ser cristián sexa algo que me comprometa”

Paco Sánchez Touceda é mariñeiro e adícase ao cultivo do mexilón nas bateas da ría de Arousa. Está casado, ten un fillo e é supernumerario do Opus Dei.

“Chámome Paco Sánchez Toceda e nacín en 1951 en Abanqueiro (Boiro), na Coruña, onde comencei traballar moi novo en barcos de pesca (pescada) ao sur de África e despois, como mariñeiro en barcos mercantes alemáns. Logo adiqueime ao cultivo do mexilón nas bateas da ría de Arousa, e ao campo, onde teño videiras, mel, patacas e leitugas.

Estou casado, teño un fillo e son supernumerario do Opus Dei, onde recibo unha formación que compromete moito con Deus. Coñecín a Obra grazas ao meu párroco, que foi quen me puxo a primeira ‘inxección espiritual’, como digo eu, aínda que eu ía a Misa dende pequerrecho e coñecía a relixión, porque se vivía a fondo en casa de meus pais.

Agora, coa miña vocación ao Opus Dei, tento que ser cristián sexa algo que me comprometa enteiramente, a toda a miña persoa. Antes pensaba moito menos, andaba como embrutecido; agora, ademais de rezar máis, penso máis, e matino no de aquí e no de acolá…, porque se queremos ser cristiáns de verdade temos que pensar máis na outra vida.

Dende que formo parte do Opus Dei traballo como sempre e vivo como sempre, pero a vocación anímame a ir cambiando día a día, mellorando aos poucos…Agora, por exemplo, cando estou cos meus compañeiros de traballo, tento de non ‘saltar’ á primeira, porque sempre fun un home de bastante xenio.

E a Deus pídolle tódolos días que me axude a ser mellor. Isto é unha das cousas importantes: ter presencia de Deus a miúdo. No traballo procuro acordarme del, para que me axude a facelo mellor cada día. Rezo moito, pedíndolle que as cousas saian ben e aceptando as que saen mal e ofrecéndolle os traballos de cada día, pois sen a axuda de Deus non somos nada. Tamén lle pido que nos dea máis fe, porque todos somos bastante incrédulos coma Tomás, ‘tomasinos’ o chamo eu. Se tivésemos unha fe firme, como dicía Xesucristo, non deberiamos dubidar: ¡moveriamos montañas!

Recordo que un día, navegando en Fisterra, o mar estaba bravo e cando tentaba de acadar un cesto que estaba na auga, caín nun remuiño da peor maneira na que se poda caer ao mar: con roupa de auga e botas altas. Enton recei: ¡Virxe Santísima, axúdame!, pidindo que non viñese unha segunda ola porque o mar rompía forte sobre as rochas e eu vía que se viña una segunda ola, matábame. Seguín rezando e comecei nadar ata a terra, como puiden, coas botas altas cheas de auga, e veña a nadar e nadar… E non veu a segunda onda; cando cheguei a terra a mar estaba en calma; agarreime ás pedras e vin aos meus compañeiros asustados, berrándome dende a outra punta. Subín rochas arriba e seguín traballando. E como ás dúas horas comenzou a tremer todo o corpo pensando no que me tiña pasado. Salvoume a Virxe. Cando anos antes tiña contemplado o mar neste sitio pensei: ‘quen caia aquí non o conta’

Costa de Finisterre

Aos meus amigos dígolles que temos que rezar e pedirlle a Deus perdón polos nosos pecados e polos dos demais. Cada un temos que mellorar este mundo no que podamos, axudando a tanta xente que non ten fe porque ninguén lles fala de Deus, como dicía san Xosemaría, que foi un santo moi bo e un home alegre e xovial polo que vin nas filmacións que lle fixeran.