Os vigueses súmanse á corrente de solidariedade co pobo sirio

Particulares, empresas e colectivos colaboran nun envío de material escolar, artigos de hixiene e prendas de abrigo. As doazóns recóllense o 26 de marzo e o 1 de abril no porto de Bouzas.

Arriba, unha muller e uns nenos calcetan roupa para enviar a Siria. Abaixo, Katu M. Iturbe, ao carón dalgunhas caixas que enviaron no xaneiro pasado.

Particulares, colectivos e empresas súmanse á solidariedade co pobo sirio a través dunha campaña de envío de material a campamentos de desprazados e vilas deste país en guerra, que promove na cidade a delegación da Asociación de Apoyo al Pueblo Sirio (www.aaps.es), entidade con sé en Madrid que leva cinco anos dedicada á axuda humanitaria neste estado.

Tras un envío con éxito no xaneiro pasado, os representantes desta asociación en Vigo están preparando outro para o 4 de abril. Nesta ocasión piden material escolar (incluídas mochilas novas ou usadas), artigos de aseo (xampú, xel, xabón, compresas, cueiros, desodorizantes sen spray, cremas, cepillos dentais, dentífrico...) e prendas de abrigo (mantas, gorros, bufandas, luvas). Os interesados en colaborar dispoñen de dúas datas, o 26 de marzo e o 1 de abril, para levar as súas achegas ao porto de Bouzas, concretamente ás naves 5 e 6, onde ducias de voluntarios se encargan da recollida e organización do material en horario de 18 a 20 horas.

Esta chamada á solidariedade está tendo moi boa resposta entre os cidadáns de Vigo e doutras localidades da provincia. Algúns colexios adheríronse á iniciativa, ben por medio das ANPAS, ou da dirección do centro. É o caso de O Castro International School, Martín Códax, Las Acacias, Montecastelo, Losada, Mercantil, Vivas e Escola Infantil A Camelia. O porto de Bouzas tamén colabora cedendo unha nave como punto de recollida; SEUR ocúpase de realizar o envío sen custo algún e numerosas empresas cooperan desinteresadamente doando caixas, palets e facilitando medios de transporte.

Sen o soporte de grandes organizacións nin administracións públicas, esta iniciativa xurdiu dun grupo de amigos entre os que se encontra Katu M. Iturbe. “Queriamos axudar aos sirios que tiveron que abandonar a súas casas escapando da guerra; busquei en internet e atopei a Asociación de Ayuda al Pueblo Sirio (AAPS), que nos aclarou o proceso e deseguida nos nomeou delegación da asociación en Galicia”, explica a coordinadora destas campañas de solidariedade.

O material que doan os vigueses destínase a campamentos de desprazados e vilas na mesma Siria. Da cidade olívica vai á sé central da AAPS en Madrid, onde se xunta coas achegas doutras cidades e se traslada a Valencia, de onde sae en barco cara a Turquía nunha travesía de 15 días. Desde ese país distribúese a Siria coa cooperación de ONG locais. “A axuda chega, a asociación esixe vídeos e fotos de como se reparte o material entre as persoas ás que vai destinado; é unha satisfacción ver a manta que calcetaras ti recibida con ledicia por alguén que a precisa”, explica Katu M. Iturbe.

O que comezou sendo unha iniciativa entre amigos converteuse nunha rede de solidariedade na que se implicaron miles de particulares e ducias de colectivos. “Empezamos a calcetar na cafetaría Victorias’s Bakery Shop, onde seguimos xuntándonos os venres. Ao principio viña algún varón; agora somos mulleres e nenos”, explica Katu Iturbe, quen confesa que, antes da primeira campaña realizada en xaneiro, non sabía facer punto. A este grupo uníronse, a través de redes sociais e do boca a boca, un cento de persoas dispostas a axudar. “Mandei unha mensaxe de Whatsapp a un grupo de antigos alumnos da Universidade de Navarra pedindo colaboración, porque enchéramos 20 caixas e sobraba moito espazo no camión que SEUR cedía de balde; aos poucos chamáronme da cafetaría dicindo que estaba ateigada de bolsas con mantas e outros artigos, así que tivemos que organizar deseguida o traslado á nave que a Autoridade Portuaria puxera á nosa disposición en Bouzas”.

Xa nas instalacións portuarias comezaron a recibir unha chuvia de axuda, tanto por parte da xente que ía doar como de algúns que se prestaban a clasificar o material, que enchía as dúas plantas da nave. “Ao ver a resposta da xente anímome e penso que a forza da solidariedade é quen de traspasar fronteiras, incluso cando parece estar pechadas e cercadas polo horror”, reflexiona Katu Iturbe.

A coordinadora desta campaña declara que “para min é un pequeno conforto poder facer chegar algo de axuda humanitaria ao interior da castigada Siria. En Vigo hai xente moi xenerosa que, ademais de estar colaborando, dáche as grazas por facer posible esta axuda. A guerra non cesa e queda moito traballo por facer. Sabemos que, para as carencias e necesidades que sofren, a nosa axuda é mínima. Son persoas que o perderon todo, que deixaron casa, coche, emprego, educación, a súa liberdade... e ata a súa dignidade mancada. O que lles enviamos son “moitos poucos”, pero ten o valor engadido do cariño. Cun mínimo custo económico e cun pouquiño de tempo roubado a outras tarefas, queremos levarlles algo de calor e dicirlles que non están sos e que non nos esquecemos deles”.

Fuente: Faro de Vigo | Ana Rodríguez [Vigo] 22.03.2016

https://www.farodevigo.es/suscriptor/4-costados/201...