Os alumnos de Fonteboa aderezan a solidariedade cos mellores sabores

O Cocido Solidario recadou 1.000 euros para Cáritas de Bergantiños

O alumno Diego Soto entrega un cheque simbólico ao director de Cáritas, Francisco Suárez. ANA GARCÍA

Os alumnos da EFA Fonteboa cambiaron onte os libros polas bandexas e as aulas pola cociña e o comedor do centro educativo coristanqués para levar a cabo, por segundo ano, un Cocido Solidario en favor de Cáritas de Bergantiños. A súa chamada foi atendida por 130 comensais e por outras persoas, que aínda que non puideron estar presentes si realizaron a achega (15 euros), o que permitiu reunir un total de 1.000 euros, que Diego Soto Pereiro, alumno de grao superior e responsable de actividades do programa Sabor emprendedor, entregou -primeiro, de forma simbólica e logo xa en metálico- ao director da oenegué na comarca, Francisco Suárez.

Ambos tomaran a palabra nos prolegómenos da comida, do mesmo xeito que Juan Camafreita, presidente da asociación EFA Fonteboa, e outro dos estudantes do centro, Iván Cancela, que presentou o seu proxecto para introducir na explotación láctea da súa familia os procesos de transformación. Mocidade, emprendimiento e solidariedade déronse cita así nunha xornada na que o cocido do que deron boa conta os 130 comensais foi o símbolo tamén do programa Sabor Emprendedor, que os alumnos de Fonteboa están a desenvolver para promocionar os produtos máis próximos e de maior calidade. Suárez agradeceu a iniciativa e destacou os valores dos mozos que estudan no centro. Un sorteo de produtos locais (lacón, roscas e repolos) foi o colofón desta saborosa proposta solidaria na que colaboraron Tenreira Galega, Matadoiro Costa da Morte, Asoporcel, Casa do Caseiro, Grelo de Anxeriz, Terras de Bustelo e Carnicería Elías.

Fonte:

Á. PALMOU carballo / la voz, 21 de decembro de 2014

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2014/12/21/alumnos-fonteboa-aderezan-solidaridad-mejores-sabores/0003_201412C21C15991.htm

Tradutor: Carlos S.