O traballo e a familia son compatibles

A Asociación Aboal de Vigo vai á procura do desenvolvemento das capacidades persoais da muller para axudala a enfrontarse aos retos do século XXI e preparala para que ocupe o lugar que lle corresponde na sociedade.

De excursión en Burgos

Pretende espertar na xente nova a conciencia de igualdade de oportunidades e capacidades formando as participantes a través das diferentes actividades que organiza para que cheguen a ser profesionais que saiban conciliar a vida profesional e persoal.

A Asociación Aboal naceu en 1995 como unha entidade sen ánimo de lucro, con fins de carácter asistencial, cultural, educativo e social. Pretende a protección da familia como núcleo básico e a defensa da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para facilitar a complementariedade, o enriquecemento mutuo e a construción da sociedade.

Aboal potencia a capacidade da muller para que se enfronte aos retos do século XXI

O obxectivo de Aboal é contribuír á formación das mulleres proporcionándolles as ferramentas necesarias desde moi novas, para que poidan desenvolver o seu propio proxecto de vida no ámbito profesional e persoal, sempre en colaboración directa cos pais e educadores de cada participante.

Corenta familias

Teresa Berbel, coordinadora de Aboal, fai fincapé en que España presenta o índice de fracaso escolar máis alto da OCD, "por isto queremos contribuír a saír desta situación a través dun asesoramento personalizado, buscando a optimización dos recursos persoais. Deste xeito, conséguese desenvolver, dun modo progresivo, os obxectivos marcados para cada idade".

Na actividade de cociña

A iniciativa da creación de Aboal parte de pais e nais coa idea de que as súas fillas aproveiten o tempo de lecer para realizar diferentes actividades que lles faciliten facer compatible o traballo e a familia. "As actividades que realizan axúdanas a desenvolver as súas capacidades persoais e a ser solidarias", indica Francisco Pellón, presidente da xunta directiva de Aboal e pai dunha rapaza que participa nos programas que organiza esta asociación. Actualmente corenta familias forman parte de Aboal.

Aboal conta cun proxecto específico: o proxecto Solar, que é unha unidade pedagóxica, personalizada e integral de alto rendemento, dirixido a xoves de 10 a 17 anos, que coordina de forma eficiente as sinerxías de pais e nais, rapazas e monitores e conta con ferramentas útiles que impulsan o desenvolvemento profesional proactivo e estimulan as habilidades creativas.

Procúrase que as pequenas e a xente nova desenvolva ao máximo a súa capacidade intelectual co estudio como actividade estrela

Autonomía

A través de reunións de diferentes niveis, danse orientacións ás rapazas e adolescentes. "O que se pretende é que cada nena ou cada xove desenvolva ao máximo a súa capacidade intelectual. A actividade estrela é o estudo. Transmítenselles técnicas para acadar un maior rendemento" explica Berbel. Tamén se lles ensina a desenvolver as súas habilidades cívico familiares a través de actividades teóricas como pode ser a organización do fogar e actividades culinarias".

Ás rapazas de 9 anos ensínaselles a varrer ou a facer a cama, mentres que ás de 14 anos se lles explica cómo planificar o sistema de limpeza nunha casa, co fin de que aos 18 anos saiban vivir con autonomía.

Ademais, organizan excursións nas que participa toda a familia: nenas e nenos, pais e nais e mesmo os avós, e rotas de sendeirismo.

Vela, teatro, baile, cociña e campamentos

Estreando delantais

A vela, o teatro, o baile clásico e moderno, a cociña, manualidades e campamentos, son algunhas das actividades que organiza Aboal para que as rapazas desenvolvan as súas capacidades.

Na actualidade estase desenvolvendo un curso de iniciación na Marina de Punta Lagoa, patrocinado por Caixa Galicia, no que participan nenas de 9 a 14 anos.

Ademais, o 21 de xuño, vintecinco nenas que participan nas actividades de teatro e baile de Aboal, representarán a comedia musical "Discusión entre colores" no auditorio do Concello de Vigo. Esta representación farase para recadar cartos en favor da Asociación de Loita contra o Cancro. A entrada supón 3 euros. "Deste xeito, queremos inculcar o espírito de solidariedade nas rapazas", sinala Berbel.

Durante o curso, as pequenas de 9 a 11 anos reciben os venres clase de teatro, cociña e manualidades, mentres que as de 12 a 14 anos aprenden a cociñar. Un dos pratos lévano a unha residencia de maiores de idade. Tamén se imparten cursos de maquillaxe, ensínanse deportes -o baloncesto entre outros-, e faise un curso de monitoras para os campamentos de verán que se organizan en Galicia durante a época estival para idades de 9 a 12 anos.

 

Faro de Vigo