"O Sacerdote hoxe e San Xosemaría". Xornada en Vigo con ocasión do Ano Sacerdotal.

Un varrido histórico pola situación do clero secular a primeiros do século pasado e un afondamento teolóxico-pastoral sobre a dirección espiritual, principal arma apostólica do sacerdote do novo milenio. Foron os dous temas que se abordaron na xornada sacerdotal organizada en Vigo pola Biblioteca Teolóxica o 17 de marzo.

D. Elías Coronado presentando o acto

O apuntamento histórico sobre o ámbito no que se fraguou a vocación sacerdotal de San Xosemaría foi o contido da intervención de don Constantino Anchel. Actualmente investigador do centro de documentación e estudios Josemaría Escrivá de Balaguer. Traballou na Oficina da Causa dos Santos da Prelatura en Madrid e en Roma, e foi perito histórico noutras causas de canonización.

 

Comezou enmarcando os primeiros anos da actividade de San Xosemaría no grupo de sacerdotes seculares que, a finais dos anos trinta e nos corenta, se esforzaron pola renovación do clero secular (Rufino Aldabalde, Baldomero Jiménez Duque, Anxo Morta, Anxo Sagarmínaga, Antonio Rodilla,...), como xa recoñeceu don Angel Suquía na clausura do proceso cognicional diocesano en 1984.

 A situación humana e cultural do clero español a principios de século foi o marco histórico no que Deus fixo xurdir coa vida e a misión deste santo Fundador unha renovación da vocación sacerdotal na Igrexa. De feito, o Dr. Anchel desenvolveu a idea de que, dende o comezo, dende as luces primeiras fundacionais, estaba xa presente a existencia de sacerdotes no Opus Dei, igual que tamén estaba previsto que algúns deses sacerdotes procederían dos fieis laicos da Obra, e a necesidade dunha realidade institucional acorde co carisma para ordenar sacerdotes para o fin da institución, e da incorporación de sacerdotes diocesanos ao Opus Dei a través da Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz, alá por 1950.

Este percorrido histórico de don Constantino serve de paso para asomarse á situación actual con certo distanciamento clarificador. Así non se perde a correcta interpretación da tormenta que está a caer sobre a Igrexa católica con ocasión dos escándalos sacerdotais actuais. Compréndese que hai unha estratexia orquestrada a nivel mundial contra o Papa e contra o sacerdocio, e adivíñase que Deus sacará unha vez máis grandes bens dos actuais males.  É normal que se revolvan os inimigos da Igrexa, e é orixinal a coincidencia co Ano Sacerdotal;  pero tamén se comprende que haxa períodos escuros e altibaixos na Igrexa que serven para que Deus faga xurdir novas enerxías e modelos dunha profunda renovación. Para superar os momentos de crise abonda coñecer as causas e non perder de vista a grandeza da vocación sacerdotal.

San Xosemaría falando nunha tertulia

Don Enrique Borda, actual director do Colexio Maior de Humanidades Juan Pablo II, residencia sacerdotal internacional da Universidade de Navarra, abriu a xornada sacerdotal cunha conferencia sobre a dirección espiritual en San Xosemaría. Citou unhas palabras de Benedicto XVI, no Discurso de apertura do Convenio Diocesano da diocese de Roma, nas que invitaba a valorar máis a dirección espiritual na formación dos mozos: "a educación, e especialmente a educación cristiá, é dicir, a educación para forxar a propia vida segundo o modelo de Deus, que é amor (cf. 1 Jn 4, 8. 16), necesita a proximidade propia do amor. Sobre todo hoxe, cando o illamento e a soidade son unha condición xeneralizada, á que en realidade non poñen remedio o ruído e o conformismo de grupo, resulta decisivo o acompañamento persoal, que dá a quen crece a certeza de ser amado, comprendido e acollido. En concreto, este acompañamento debe levar a palpar que a nosa fe non é algo do pasado, senón que pode vivirse hoxe e que vivíndoa atopamos realmente noso ben ". (Benedicto XVI, Discurso de Apertura do Convenio Diocesano da Diocese de Roma, 11-6-2007).

Estas palabras de Benedicto XVI son unha perfecta síntese do que representa a dirección espiritual na vida dun cristián. Trátase dun itinerario vivo, concreto, que conduce a un estilo de vida cristiá sereno e equilibrado.

Intervención de D. Constantino Anchel

E hai que abordar este tema segundo o espírito do Fundador do Opus Dei, pois San Xosemaría é amplamente recoñecido como unha das figuras de maior relevo na espiritualidade contemporánea. Hai tamén un aliciente práctico e outro intelectual que motivan esta elección. En efecto, por unha parte estas reflexións estimulan a valorar máis na pastoral a práctica da dirección espiritual, posto que nos atopamos cunha figura sacerdotal moi próxima ao noso tempo. E por outra banda, constitúe un verdadeiro reto para o teólogo investigar na doutrina de san Xosemaría Escrivá sobre a dirección espiritual, porque estando en perfecta continuidade e harmonía coa tradición precedente, contén os presupostos para unha profunda renovación desta tarefa na vida da Igrexa.

O texto da intervención de don Enrique Borda pode solicitarse directamente ao autor: doneborda@terra.es