O próximo beato Álvaro del Portillo en Galicia

Diferentes viaxes e estancias de D. Álvaro del Portillo en Galicia

D. Leopoldo Eijo e Garay, nado en Vigo o 11 de abril de 1878, bispo de Madrid-Alcalá, ordenou en Madrid en 1944 aos tres primeiros sacerdotes do Opus Dei, entre eles a Álvaro del Portillo (1914-1994). O novo beato foi o máis estreito colaborador de san Xosemaría Escrivá durante máis de 40 anos. Como é sabido, Álvaro del Portillo inspirou ao longo da súa vida moitas iniciativas de carácter social, educativo, asistencial, etc. en diversas partes do mundo e foi chamado a participar nos traballos do Concilio Vaticano II.

Don Álvaro acompañou a san Xosemaría Escrivá nas súas viaxes apostólicas, tamén nas que fixo a Vigo e Tui nos anos 1945, 1947-48, 1953 e 1961. Niso influíu moito a estreita amizade que san Xosemaría mantivo dende os seus tempos de estudante na Universidade de Zaragoza con frei José López Ortiz, posteriormente bispo de Tui-Vigo de 1944 a 1969.

Del Portillo predicou un curso de retiro espiritual en 1945 na sede das Carmelitas da Caridade de Vigo, na capela do antigo colexio que daba á rúa Pi e Margall. Sor Teresa Margarita, carmelita descalza, superiora do convento de Sabarís, asistiu eses días de retiro e lembraba: “Dende o primeiro momento impresionoume o seu porte distinguido, e o seu recollemento e a súa profunda humildade que se destacaba moito, e a súa sinxeleza; era á vez moi amable e acolledor; atendía con bondade”. Conservou o trato cos seus compañeiros enxeñeiros do porto de Vigo con ocasión das súas estancias nesa cidade. Adoitaba reunirse con eles para tratar algún tema de vida cristiá e orientar a cada un nas súas necesidades.

Con motivo destas viaxes apostólicas, estivo tamén noutras cidades galegas, como en Pontevedra (1945), atendendo a petición do bispo López Ortiz de ir con el ao acto de inauguración da Escola de Enxeñeiros Forestais, xa que Del Portillo estudara Enxeñaría de camiños. Visitou Santiago de Compostela en 1945, 1947, 1956 e, por última vez, o 25 de xullo de 1961 nun Curso de verán para universitarios no Colexio Maior A Estila. En 1947-48 coñeceu tamén A Coruña, Lugo, Betanzos e Cabanas-Pontedeume.