O mellor verán das nosas vidas

Pasaron dous meses desde que tres familias de Vigo (cos seus 24 integrantes) tomaron furgoneta, estrada e manta para estar co Papa na JMJ de Cracovia. Esta peregrinación "sobre rodas" converteuse, de momento, no verán máis especial destas tres familias galegas.

Do Opus Dei

27 de xullo. Vigo. España. Tres familias con moita ilusión comezabamos as nosas vacacións. Obxectivo: Acompañar ao Papa Francisco en Cracovia. Medio de transporte: furgonetas. Resultado da expedición: cóntovos?

Até saír definitivamente polas estradas de Europa, o reto máis importante desta sinxela aventura fora o organizativo. Tres matrimonios e 18 nenos de entre 4 e 16 anos. Nove eran menores de 9 anos. Conseguir que a aventura non fose nin unha odisea, nin unha tolemia. Ese era o verdadeiro reto.


Unha intendencia caseira

Detrás destas vacacións sobre rodas, había a súa intendencia. A viaxe debía ser economicamente viable para todos e por iso démoslle mil voltas ao orzamento, ao gasto en combustible, aloxamentos, comidas, etc. Queriamos aproveitar a viaxe cara a Cracovia para coñecer tamén algunhas cidades do centro de Europa. O destino JMJ pareceunos unha estupenda oportunidade para espertar as inquietudes de sensibilidade e cultura dos nosos fillos.

Tras moitas posibilidades, atopamos aloxamento en Volary, unha aldeíña da República Checa na que estariamos até o 7 de agosto. E como tíñamos que aforrar, levaramos desde casa a comida para todos os días da viaxe, salvo os almorzos e as ceas. Furgonetas, nenos, comidas e asfalto.


En Cracovia e alucinados!

O sábado 30 pola mañá dirixímonos ao corazón da Xornada Mundial da Mocidade. Todas as saídas da autoestrada cara a Cracovia estaban pechadas, e tivemos que pasar de longo e conducir 26 quilómetros máis até atopar unha vía de escape. A chegada ao Campo da Misericordia complicábase. No ambiente familiar dos tripulantes era moi fácil dicir: "Nenos a rezar á Virxe con moita confianza para poder ver ben ao Papa". 24 persoas (moitos deles nenos) pedindo chegar ben e a tempo, non podía fallar. Chegamos ao escampado coas mochilas e as tendas de campaña xusto cando comezaba a falar o Santo Pai.

Puidemos participar na Vixilia do sábado, cear, ver a familiares e amigos que estaban noutros sectores do recinto e, por suposto, aos dous fillos dun dos matrimonios, que chegaran até Cracovia noutras viaxes organizadas polo seu club xuvenil e o seu colexio maior.

Os nosos fillos alucinaron ao ver a tantos mozos que se desprazaron até alí para rezar co Papa. O recollemento, a atención e a piedade dos que participaban na Misa do domingo contribuíu a que os nosos fillos aprendesen e todo se lles fixese máis rápido do normal.


Unha convivencia sobre rodas

A semana seguinte pasámola facendo excursións aos marabillosos lagos, bosques, montañas e castelos da zona. Fomos a Praga, onde puidemos ver o seu castelo, a catedral, a ponte de Carlos. Paseamos en barco polo río Moldava e rezamos ante o Neno Xesús de Praga. Pasamos un día na preciosa Hallsttat (Austria) gozando das súas paisaxes e as súas casas de conto. Estivemos en Viena, Salzburgo e a medieval Cesky Krunlov. As comidas organizabámolas con bocadillos que preparabamos sobre a marcha.
Durante estes días os nenos levantábanse ás 7 da mañá sen rechistar. Os maiores ocupábanse dos pequenos. Ante as dificultades que ían xurdindo o ambiente de colaboración e axuda ía crecendo.

Á volta paramos a durmir en Lausana (Suíza), preto de Toulouse (Francia) onde uns amigos, pais dos mesmos colexios onde estudan os nosos fillos, acolléronnos generosísimamente, aos 24! A última noite pasámola nunha casa rural de Burgos.

E que facíamos nas furgonetas durante tantas horas? Contar historias sobre os lugares polos que pasabamos, xogar, rezar, falar de miles de cousas, ver películas, sen esquecer, algunha que outra discusión entre os nenos.

Alá por onde circulabamos era difícil pasar desapercibidos. Nos pobos, na saída das igrexas, nas tendas, parábannos, interesábanse por nós e preguntábannos de onde viñamos. E aproveitabamos a oportunidade para contar que estiveramos na JMJ co Papa. A pesar dos miles de quilómetros no coche, os nosos fillos non dubidan en dicir que foi "o mellor verán da nosa vida!"

Dous meses despois destas vacacións "sobre rodas", mantemos a avaliación, cos seus signos de admiración incluídos, por parte de todos.