O matadoiro de aves e unha nai de armas tomar

Ás veces véñenme á memoria dúas cousas: a primeira ten que ver con San Xosemaría e as súas palabras sobre o cuarto mandamento (honrarás o teu pai e a túa nai) ao que chamaba "dulcísimo precepto"; a segunda foi unha intervención radiofónica.

En primeira persoa

Ás veces véñenme á memoria dúas cousas: a primeira ten que ver con San Josemaría e as súas palabras sobre o cuarto mandamento (honrarás o teu pai e a túa nai) ao que chamaba "dulcísimo precepto"; a segunda foi unha intervención radiofónica que tiven nos anos 80.

Os convidados ao faladoiro non tiñan quizais as ideas moi claras sobre a Obra. Eu chamei por teléfono e puntualicei unha serie de cuestións que me parecían interesantes. Un dos tertulianos díxome nun momento da conversación:

- Todos os membros do Opus Dei teñen carreira universitaria....

- Pois eu traballo nun matadoiro de aves. O meu encargo é quitar a carne á ala esquerda do polo, contesteille.

- ...

E así ía a cousa ata que de novo alguén sinalou que aos membros da Obra se lles separa dos seus pais. En ese momento a miña nai, que escoitaba a conversación e é agradablemente de armas tomar, agarrou o teléfono e dixo:

- Eu son a nai deste rapaz, ¿algún problema?...

En fin, pasaron os anos dende esta segunda anécdota: aorredor de 25 anos. A vida cambiou, e os meus pais, grazas a Deus seguen vivindo comigo. Digo comigo, porque ata fai tres anos, eu vivía con eles.

Nunha das miñas clases

No ano 2002 funme a Pamplona para facer un doutorado e preparar a tese doutoral. Para iso deixei de vivir cos meus pais despois de 42 anos. Eu son Licenciado en Filoloxía Hispánica e traballaba entón nun colexio de Jaén.

A miña nai estaba un pouco delicada de saúde, pero o médico de familia dicíame que os síntomas que padecía eran os típicos das persoas maiores. Despois de falar con eles, chegamos á conclusión que me podía desprazar a Navarra para completar os meus estudios. Os meus pais tiñan entón 78 e 79 anos.

"En vista do que acontecía aos meus proxenitores deixei os estudios de Pamplona e volvinme á miña cidade natal para coidar dos meus pais"

Aos dous anos e medio de residir en Pamplona o meu pai sufriu unha trombose cerebral, quedoulle inmobilizada a parte dereita do corpo, e á miña nai, despois de analizala un especialista, diagnosticáronlle Alzheimer nunha fase bastante avanzada.

En vista do que acontecía aos meus proxenitores deixei os estudios de Pamplona e volvinme á miña cidade natal para coidar dos meus pais. Volvín ao meu traballo de profesor no colexio Altocastillo, pero só polas mañás. Pedín redución de xornada, xa que polas tardes e noites coido dos meus pais. Mentres eu estou no colexio, unha señora que teño contratada coida deles e cando volvo do colexio recollo a testemuña ata o día seguinte á hora de irme traballar.

O meu pai, grazas ao noso pai, San Xosemaría, recuperouse dunha forma milagrosa. Recuperou a mobilidade e é autónomo. Os médicos aínda non o cren, porque me dixeron que quedaría prostrado nunha cama ata o seu falecemento. Agora non necesita axuda para nada, pero tampouco me axuda en nada.

A miña nai vai perdendo facultades pouco a pouco. Necesita vixilancia as 24 horas do día e hai que facerllo todo: levantala, aseala, darlle de comer, etc. Xa non coñece a ninguén, e ás veces non sabe onde está e ponse moi nerviosa. Entón aproveito para intentar calmala e sácoa a pasear nunha cadeira de rodas. Estiven unha tempada que polas noites non durmiamos nada, ás veces, cando se poñía nerviosa sacábaa á rúa, aínda que chovese, tronase, fixese frío, calor, etc.

Meus pais

Os que padecen esta enfermidade, os especialistas non saben o porqué, durante as horas da tarde póñense máis inquedos, entón teño que cargarme de paciencia, e intentar calmala e distraela, porque non hai medicinas que a tranquilicen. O médico dime que o mellor é intentar distraela, que a trate como a un neno de 3 anos. E iso é o que fago.

Seguindo a recomendación de San Xosemaría o máis importante que podo facer agora é coidar dos meus pais, como eles o fixeron de min cando era máis novo. Coidando dos meus pais estou a facer o Opus Dei, porque vexo neles a Xesucristo e cando estou canso ou sofocado miro a cruz do Señor e recordo a cita de Mateo: "O que queira vir detrás de min, se negue a si mesmo, tome a súa cruz e me siga " (Mt. 16, 24).

A medida que pasa o tempo e me vou facendo máis maior, polo que vexo no colexio e polo que me contan os meus amigos e coñecidos de idade máis avanzada, vexo que non son un mártir, porque hai xente que está peor ca min. A estas persoas intento animalas e que vexan niso a cruz do Señor.

No pobo onde resido somos trece mil habitantes, e case todos nos coñecemos, creamos unha asociación de Alzheimer. O concello estanos a dar toda clase de facilidades para sacar adiante a asociación, e puxémonos en contacto cos sacerdotes do pobo para que atendan espiritualmente a nosos enfermos.

Cando vou pola rúa os meus paisanos páranme e pregúntanme polos meus pais, á vez que me animan e felicitan polo labor que estou a facer con eles, eu entón acórdome do dulcísimo precepto do Decálogo do que falaba San Xosemaría e da miña intervención no programa de radio.

Gabriel Robledillo Amezcua é agregado do Opus Dei.