O Colexio Tak Sun visita Vigo

Alumnos de Hong Kong gozan da gastronomía e ensinan os seus costumes a compañeiros do Colexio Montecastelo de Vigo

Caligrafía chinesa, comer con palillos ou xogar ao ping-pong convertéronse onte nunha materia máis do colexio Montecastelo . A vintena de estudantes de Hong Kong que acollen os estudantes vigueses nas súas casas exerceron onte como profesores de cultura asiática mediante este tipo de clases prácticas. Como colofón á xornada, o centro educativo ofreceulles unha "comida enxebre" a base de churrasco e empanada. O punto e final á súa semana de vacacións en Galicia pono hoxe visitando Santiago de Compostela -xa pola noite viaxarán en tren até Madrid para tomar o avión de regreso.

"A cidade é marabillosa, sorprendeunos o cariñosa e hospitalaria que é a xente", comenta Bernie, un dos dous profesores do colexio chinés Tak Sun -de orientación relixiosa similar ao Montecastelo e tamén masculino. Desde o ano 2008, aproveitando as vacacións do ano novo chinés, acompaña aos seus alumnos nas viaxes a colexios españois, así, anteriormente estivo en Pamplona, Sevilla, Madrid e Barcelona. "O que máis lles sorprende do voso país é que moita xente vive en casas e pertence a unha familia numerosa, en Hong Kong vivimos en pisos de moi reducidas dimensións e adóitase ter un único fillo", subliña -a súa densidade de poboación é de 6.200 habitantes por quilómetro cadrado. Pang Lap Pui é o verdadeiro nome de Bernie, pero como todos os seus pupilos, é coñecido polo seu "nickname" occidental -xeralmente inglés, a lingua que utilizan no colexio Tak Sun e cos estudantes do Montecastelo.

Curiosamente, os vinte alumnos chineses, de entre 14 e 17 anos, coinciden ao sinalar a paisaxe da ría como o que máis lles gustou da cidade e o xamón como o seu prato favorito. "Aquí respírase moi ben, o aire está limpo e pódense ver as estrelas; Hong Kong está moi contaminado, o ceo vese gris e pola noite está todo escuro", comenta Johny, un alumno de 14 anos.

Como case todos os estudantes chineses, Hugo é fillo único e vive nun pequeno piso, por iso o contraste foi radical ao chegar a Vigo: "A familia onde estou ten cinco fillos e reside nunha casa", comenta sorprendido. O único que sabía de España antes de vir é que se practica o toureo, cómese xamón e "hai unha igrexa sen acabar de construír" (a Sacra Familia de Barcelona). "Encántalle a nosa comida, sempre repite, especialmente se hai tortilla", din Pedro e José, os seus "irmáns" vigueses. O certo é que a gastronomía galega ha entusiasmado a todos eles: "Encántame o marisco, onte probei os percebes, que non os vira na miña vida, e xa se converteron no meu prato favorito; o polbo tamén é moito máis rico aquí porque é máis brando que en Hong Kong", di Bernie.

"As familias están encantadas con eles, está a ser unha experiencia marabillosa e non descartamos realizar un intercambio", comenta Marisol Espiño, secretaria de dirección do centro. O colexio Tak Sun de Hong Kong alberga a 900 estudantes, de primaria e ESO, todos homes. Nestas datas de vacacións para eles, a maioría sae do país. Actualmente hai grupos en Roma, Kenya, Vietnam, Camboia, Singapur e Taiwan. O centro adscríbese ao Opus Dei (o cristianismo é unha relixión que non representa nin ao 10% da poboación hongkonesa, formada por 7 millóns de habitantes).

María Villar, Faro de Vigo