O Club Tambre de Pontevedra cambia horas de estudo pola plantación de árbores

Dúas horas igual a unha árbore. Este é o eixe da actividade que por segundo ano consecutivo puxo en marcha o Club Tambre, baixo o lema repoboa o bosque co teu estudio e que se enmarca tamén no programa Voz Natura.

A actividade -que leva por lema "¡Moitos protestan, ti fai algo!"- ten como obxectivo repoboar con árbores autóctonas unha zona de bosque da Comunidade de Montes de Buchabade, en Ponte Caldelas, e que como tantas outras zonas forestais foi asolada polos incendios de agosto de 2006. Ao mesmo tempo, búscase fomentar dunha forma directa e práctica unha cultura ambiental entre os estudantes. Así que un dos froitos do seu traballo será cambiar as horas de estudio dos alumnos por árbores.

O club habilitou dende onte tres salas de estudio con capacidade para cen estudantes na súa sede de Arcebispo Malvar, aínda que ata o momento hai apuntados 24, con idades comprendidas entre 10 e 17 anos. Varios monitores serán os encargados de contabilizar as horas de estudio que se cambiarán dende esta semana ata o 21 de marzo, en que se celebra o Día Internacional da Árbore.

O pasado ano, na primeira edición, o traballo dos estudantes deu os seus froitos coa plantación de 153 árbores no parque recreativo de Campañó. Este ano, a plantación farase en abril e os exemplares serán de especies frondosas autóctonas, como castiñeiros e carballos.

Ademais, os rapaces realizarán tamén estudios biolóxicos do impacto ambiental do lume nos ecosistemas que se van rexenerar. A iniciativa, segundo asegura o Club Tambre, conta co asesoramento de biólogos, enxeñeiros forestais e técnicos ambientais que se prestaron desinteresadamente para realizar esta acción directa.

Os mozos aínda poden apuntarse na sede da asociación. O único requisito é estar disposto a fincar os cóbados en silencio.

La Voz de Galicia