O Club Roiba presenta as actividades para o curso 2011-12

O Club Xuvenil Roiba é unha iniciativa formativa dirixida a todos os mozos de Ferrol. Roiba desenvolve actividades culturais, deportivas e de esparcemento. Este sábado presenta as actividades para o curso 2011-12.

Do Opus Dei

Mañá sábado 1 de outubro, ás 20.30 h., na sede de c/Igrexa 184-1º B [Ferrol] terá lugar o acto de presentación das actividades para este curso aos pais do Club e escola de fútbol Roiba (www.roiba.es), así como ás familias interesadas. O acto inclúe vídeo e fotos, resumo de actividades do curso e do verán pasado. As actividades estarán dirixidas, segundo idades, a mozos desde os 6 anos até finalizar os estudos universitarios.

Presentarase a actividade de Estudo, que será diaria para alumnos de 3º de ESO en diante e dalgúns días á semana para alumnos desde 5º de Primaria a 2º de ESO. Estará atendida por profesionais cualificados. Pola importancia e valores que leva consigo o estudo, esta é a actividade principal do Club. Por exemplo, para os mozos de 5º Primaria a 4º de ESO haberá actividades como maquetismo, guitarra, cociña e esgrima xunto a actividades deportivas como paddle. Así mesmo, os equipos das distintas categorías de fútbol-sala seguirán participando, como fan desde o ano 1999, nos campionatos (liga e copa) que promove a delegación ferrolá da federación galega de fútbol-sala.

Ao longo do curso programáronse tamén actividades e campamentos de máis duración con mozos doutras cidades e países. Os pais do Club consideran que a solidariedade é un valor importante a fomentar nos mozos, polo que Roiba ten programadas tamén actividades de acompañamento a persoas necesitadas, visitas periódicas a algúns asilos, etc.

[Ferrol] 30-09-2011