O Centro Aloya Cumpre 40 anos dende a súa implantación en Vigo

O colexio Aloya ven de cumprir os corenta anos dende a súa implantación na aba do Castro, en Vigo. Empezou como Escola e Secretariado de Dirección Bilingüe un 11 de outubro de 1967 para ofrecer ás mulleres viguesas unha formación profesional e humana de calidade e para nutrir o mercado laboral dunha cidade emerxente que carecía de profesionais cualificados neste sector.

Do Opus Dei

Foi un grupo de mulleres da Prelatura do Opus Dei, apoiadas por outras persoas, as que se embarcaron neste proxecto do que saíron xeracións de secretarias de Dirección.

Correu o tempo e en 1989 encetouse o ensino de Hostalaría -nun momento no que non existía ningún proxecto semellante na cidade- que viña atender de novo un sector precisado de profesionais ben capacitados.

Actualmente, Aloya deu en se converter nun centro docente de Ensino Secundario, Bacharelato e Formación Profesional, onde se poden cursar tanto estudos de Hostalaría (Cociña e Restauración), como de Empresas (Secretaría, Administración e finanzas e Xestión administrativa).

No acto de apertura do curso 2007-08 estiveron presentes o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a vicepresidenta da Diputación, Corina Porro, así como o inspector de Educación, Gonzalo Iglesias Varela e a concelleira de educación, Laura Adrio

Entre os seus éxitos cóntase o acadar un 100% de aprobados en Selectividade e un 99% de emprego. Aos alumnos que completan ciclos formativos ofértaselles unha bolsa de empresas nas que poder desenvolver as súas prácticas, o que facilita a inserción laboral dos seus titulados.

Os valores que defende o centro son o traballo ben feito, a liberdade responsable, a arela de superación, o amor á verdade e o compromiso e o servizo á sociedade; namentres que entre os obxectivos educativos cómpre sinalar a colaboración cos pais na educación das súas fillas, o desenvolvemento máximo das capacidades da persoa, a mellora persoal a través da atención individualizada e a formación con sentido cristián.

  • Atlántico Diario