Ningún neno sen xoguetes

A asociación Rueiro, que reúne a xente nova de A Coruña, recolleu xoguetes durante varios días para ofrecelos ás familias máis desfavorecidas. O obxectivo, que dá nome á campaña solidaria, é que non haxa “Ningún neno sen Reis”.

A idea xurdiu polo influxo das ensinanzas de San Xosemaría, que lles levou a pór en práctica con feitos concretos a virtude da caridade. 

Coa experiencia de Asociacións similares doutros puntos de España púxose en marcha a Campaña, que intenta achegar un gran de area na solución de problemas sociais moi agudos que se viven non lonxe das nosas casas.

Na actividade “Ningún neno sen Reis” colaboran socios do Club xuvenil Rueiro, de idades dende os 13 aos 18 anos, pais, monitores e voluntarios. 

“Na primeira quincena de decembro - explica Manuel F. Cobián, coordinador da campaña - poñemos en práctica un plan de concienciación. Pegamos carteis por todos os comercios da cidade e distribuimos cartas polos portais das casas”.

É habitual tamén a colaboración de institucións da cidade. Incluso o equipo de fútbol local -o Deportivo da Coruña- ofreceu entradas a cambio de xoguetes...  

O segundo paso é recoller os desexos dos rapaces que recibirán os regalos. A asociación encárgase de que estes presentes sexan novos, non eléctricos (moitas familias teñen verdadeiras dificultades para repoñer as pilas); e non bélicos nin violentos.

Logo fanse bolsas cos regalos e realízase a entrega nun local público que cede o concello. Cando os rapaces acuden a recibir os seus regalos, a ilusión é indescriptible...

"Os ollos dos rapaces cando observan a bolsa cargada de xoguetes, o agradecemento e a ledicia das familias... Esas son as notas máis humanas desta campaña, e que máis calan nos que colaboran con ela”, sinala Manuel.

Para o vindeiro ano, o seu obxectivo é chegar aínda a máis familias. E é que non convén esquecer que, ademais dos dramas sociais que tantas veces observamos polo televisor, non moi lonxe de nos hai moitos problemas que se poden resolver. Basta con propoñerse metas posibles.