Nadal solidario

Axuda. Un grupo de dez voluntarias da Asociación Riosar de Santiago de Compostela, de entre 13 e 25 anos, recorreron estes días as rúas da cidade para recoller xoguetes e alimentos para os máis necesitados. O principal obxectivo foi sacar un sorriso para os cativos e concienciar a sociedade.

Grupo de voluntarias, disfrazadas de mimos, que participaron na campaña de recollida de xoguetes

Era unha das datas máis especiais e emotivas do ano. Uns días nos que á maioría gústalle gozar das vacacións rodeados dos seus seres máis próximos, cantar panxoliñas, permitirse algunha ca outra enchenta de doces e abrir regalos acompañados dos cativos. Sen embargo, son moitas as familias ás que o Nadal lles pasa inadvertido e que non poden gozar del como lles gustaría.

Para facer estas datas un pouco máis levaderas a aqueles que non teñen suficientes recursos, a Asociación Cultural Riosar comezou unha campaña de recollida de xoguetes e alimentos para repartir entre as familias máis necesitadas de Compostela, baixo o slogan "Consigue un sorriso por Nadal". Durante todo o mes, "un grupo de voluntarias, de entre 13 e 25 anos, recorreron as rúas da cidade vestidas de mimo informando aos veciños da importancia de axudar aos máis necesitados" explica María Antón Yanguas, coordinadora da campaña.

Ao longo do mes, as voluntarias encargaronse de recoller xoguetes polas casas e alimentos típicos destas datas para levarllos a "unhas vinte familias da cidade" comenta. "Unha vez recompilados todos os xoguetes, clasificámolos en función das idades dos rapaces e empaquetámolos no noso taller, situado na sede da asociación". Cos produtos recadados "realizamos diferentes cestas, con turróns e doces, para repartilos logo coa nosa furgoneta".

Na campaña do Nadal pasado repartíronse "centos de xoguetes e de cestas. A xente é sempre moi agradecida e responde moi ben, e entre eles son os máis solidarios", explica María Antón.

Un dos principais obxectivos desta campaña, "ademais de intentar que as familias pasen unhas boas festas, é concienciar e sensibilizar a todos os veciños da cidade, sobre todo aos máis novos, da importancia e necesidade de prestar a súa axuda aos máis necesitados", explica a coordinadora da asociación.

Claves Taller e obradoiros de reparación. Este ano só pedimos xoguetes novos, a diferenza doutras campañas. Organizaremos un taller de reparación de xoguetes cos que nos sobraron do pasado Nadal. Organizarémonos en tres grupos, un de clasificación, outro para limpalos e outro para empaquetalos", explica María.

Contacto cos asistentes sociais. Cada Nadal, as voluntarias axudan a unhas vinte familias. "Ao principio encargabámonos nós de buscalas pero agora son os asistentes sociais quen se pon en contacto coa asociación. Tamén funciona o boca a boca entre as familias, que comentan os servizos que lles prestamos ao longo do ano".

Colaboración da Fundación Cume. Esta asociación conta coa colaboración da Fundación Cume, que ten como principal misión a de axudar os pobos menos desenvolvidos. Actualmente ten diferentes proxectos por todo o mundo, en torno á capacitación da muller, dispensarios e construción de escolas e vivendas nos países do terceiro mundo.

El Correo Gallego