José Juan Sánchez celebra a súa Primeira Misa en A Coruña

José Juan Sánchez é de A Coruña, estudou Empresariais e ten 42 anos. Antes de ordearse sacerdote, desenvolveu diversos traballos no mundo da empresa e da educación. O pasado sábado 18 de setembro celebrou na Parroquia de San Jorge, en A Coruña, a súa Primeira Misa solemne.

José Juan recibindo a ordenación sacerdotal

José Juan desenvolverá o seu labor pastoral en Gijón, onde traballará nun colexio e en varias asociacións xuvenís. Foi ordeado sacerdote en maio polo prelado do Opus Dei. O pasado sábado celebrou a súa Primeira Misa Solemne en A Coruña, rodeado de familiares e amigos. O luns 20 celebrou tamén unha Misa no Colexio Peñarredonda, onde foi alumno e profesor, e onde o seu pai, Pacucho, foi profesor tantos anos.

A continuación ofrecemos unha testumuña de José Juan:

Cando miro atrás, veñen moitas persoas e cousas á cabeza.

Teño moito que agradecer os meus pais, por educarme (e aos meus outros once irmáns) na liberdade con responsabilidade, e no amor a Deus. Recordo as oracións da noite, de xeonllos ao pé da cama, co meu pai ou a miña nai tomando a miña man para facer o sinal da Cruz, e rezar a Virxe unha oración sinxela e cariñosa. Recordo ver os meus pais rezando, sendo un exemplo coa súa vida, e non só de palabra. Sorprendíame, sendo neno, o esforzo que poñía o meu pai por conseguir a chave da Igrexa, no lugar de veraneo, para poder ir rezar, a facer visitas ao Señor; e acompañábao ás veces. 

O sacramento da confesión víase como algo normal, ao que libremente acudiamos con frecuencia, volvendo sempre máis contentos. E o rosario que rezabamos ás veces no coche, cando non cantabamos e xogabamos a mil cousas. E o domingo, poñíannos as mellores roupas, para ir a Misa: entraba polos ollos que iamos estar con alguén moi querido. Tamén o falecemento do meu pai foi un exemplo de como morre un cristián: con alegría, pendente dos demais, e coa mente e o corazón en Deus, que o espera para a felicidade eterna.

Tamén recibín moita axuda na Asociación Rueiro, centro do Opus Dei que frecuentei dende pequeno, onde se me axudaba a facer iso que xa aprendera na miña familia: divertirme cos demais, estudar e rezar, facendo todo isto en unidade de vida: como fillo de Deus, que se sabe sempre en presenza do seu Pai Deus.

Logo chegaron os estudios universitarios. E, paso a paso da miña vida, empecei eu a colaborar nesa formación que se ofrece nos centros da Obra: Club Pazo (Santiago), Asociación Rueiro (A Coruña), Club Tambre (Pontevedra), Asociación Coimbra (Santiago) e Club Senra (Santiago). Foron anos que deixaron unha pegada profunda na miña vida. Non tanto polo que puidera dar eu a tantos novos e non tan novos, senón porque se vía de modo evidente a acción da graza de Deus nas persoas. ¡ Cantas historias -con nome e apelidos- me veñen á cabeza!

E, a partir de agora, serei "sacerdote cen por cento" -como dicía San Xosemaría-, entregado a Cristo por enteiro, e á súa misión salvadora. É bonito que a ordenación se realice no Ano Sacerdotal decretado por Bieito XVI. E, agora que o Papa e a Igrexa reciben tantos ataques, gustaríame colaborar a levar a mensaxe de Cristo a todo o mundo. Coa axuda da oración de todos.