Historia de dúas fotografías

Luis de Castro é un dos sacerdotes numerarios do Opus Dei recentemente ordenados en Roma. A partir de dúas fotografías un curmán de Luis relata as súas impresións tra-la ordenación.

“Estiven ordeando fotografías e ao remexer entre elas decateime en dúas, nas que aparecemos xuntos o meu curmán Luis e máis eu.

A primeira fotografía fixéronoa en Galicia hai anos. Luis había ter daquela once anos e eu uns dez. Estabamos xogando cun cabalo que aquel verán a nosa abóa tiña alugado a uns paisanos, e que era o noso compañeiro de aventuras. Debía de ser xullo ou agosto, nun daqueles inesquecibeis veráns galegos que pasabamos toda a familia en Villarrube, na provincia da Coruña. Luis e máis eu fumos sempre, ademais de curmáns, bos amigos dende a infancia. Ao principio, Luis quería ser mariño. Despois seguiu os pasos paternos e estudou Enxeñería de Camiños, na especialidade de hidráulica, para non perder contacto co medio acuático. Compartimos amizades e paixóns deportivas como o tenis, a pesca submariña e o surf. Recordo que a min as ondas sempre me impuñan respeto e el era sempre o primeiro en meterse no mar.

A segunda fotografía fixéronoa en Roma hai poucas semás. O 27 de maio Luis foi ordenado sacerdote e ao día seguinte celebrou a súa primeira Misa na igrexa de Santa María da Paz. Alí estabamos todos: pais, irmáns, a súa familia, amigos e, naturalmente, os curmáns.

            

Durante a cerimonia, nesa igrexa onde san Xosemaría recibe a veneración dos fieis, lembrei as primeiras charlas de formación cristiá do Opus Dei ás que asistiamos xuntos hai algúns anos, Luis e máis eu, cun grupo de amigos e curmáns da mesma idade, arredor dos vintedous anos, durante a época universitaria. Dábaas Carlos, un bo amigo noso da Obra, nun novo centro que comezara en Madrid: Ciudad Lineal. Entre bromas e veras, imperceptibelmente, a vocación de Luis foi medrando a poucos por dentro. O mesmo que a miña. Luis, como no surf, foi o primeiro en decidirse e en entregarse a Deus no Opus Dei. Outros, coma min, ‘botámonos á auga’ algo despois.

Durante a cerimonia da ordenación pensaba nunhas palabras que moitas veces escoitei nos medios de formación cristiá do Opus Dei: Deus sérvese de pobres instrumentos humáns para os seus plans divinos. Como no surf, o único que pide é que tomemos a nosa tablas e nos botemos ao mar, confiando en que El ha manternos sobre as ondas.

Así lle sucedeu a Luis: serviuse dos seus pais e irmáns, e daquel marabilloso ambiente familiar, cheo de sentido cristián, con aquelas persoas tan especiais que tan bo exemplo nos deron. Serviuse daqueles veráns galegos cheos de amizade, en plena natureza, daqueles momentos de oración e de trato con Deus; e tamén, por que non, de tantas tardes tocando a guitarra, emulando aos ‘Beach Boys’… Deus está en todo: no que comprendemos e no que non comprendemos; no que nos parece máis divino e no que nos parece, á primeira vista, máis humán.

O conxunto de realidades de todos estes anos, as horas felices e as horas duras, as alegrías e as dores, as ondas difícis da vida, fóronos conducindo, da man de Deus -agora o vexo con claridade- ata estes momentos.

Deus servíuse da súa decisión de entrega no Opus Dei, de botarse o primeiro ao mar, para que os que lle rodeabamos nos decidíramos tamén a ser xenerosos polo camiño que Deus lle pide a cada quen, no celibato, ou no matrimonio, como é o meu caso. Penso que quizais nesta época máis que nunca, é a testemuña persoal coherente, ese botarse sen medo ás ondas, o que acaba removendo e dando pulo para un encontro persoal con Cristo.

Iso é o que sucedeu na nosa familia, no meu grupo de amigos, nesta fin de semana romana. Cada quen á súa maneira experimentou que algo lle tocaba forte no máis fondo ao ver a paz, serenidade e ledicia de Luis e do resto dos novos cregos na cerimonia, especialmente nese momento emocionante da postración. Logo veu o abrazo do Prelado a cadaún, a primeira consagración do Corpo e Sangue de Cristo, a primeira Misa…

 Foron días días de graza especial de Deus para todos. “Soñade e habedes quedar curtos”, dicía san Xosemaría. Estas dúas fotografías son unha proba das marabillas e dos soños que Deus quere facer realidade nas nosas vidas, a pesar dos nosos erros, limitacións e defectos.

De nenos e non tan nenos, Luis e máis eu soñabamos con aventuras incribeis, cun futuro cheo de cousas boas. Os plans de Deus chamaron a nosa porta e deixaron pequenos os nosos soños.”