FAMILIA 3.0

Cristina Peleteiro e familia esfórzanse por vivir o cristianismo na súa vida ordinaria e axudar a sociedade de Pontevedra, con ilusión e esperanza. Recolle o seu testemuño a revista BARCA DE SANTIAGO

Moitas familias pregúntanse como levar adiante as súas múltiples tarefas sen desfalecer no intento: traballo profesional, fillos, tarefas domésticas, amor entre os esposos, etc. No seo da Igrexa Católica ofrécese un abanico moi amplo de respostas. Unha delas represéntaa o Opus Dei. A súa proposta de vida cristiá plena no medio das tarefas cotiás está presente na arquidiocese. Queren ser fogares de fe sinxela, práctica, frutífera e positiva.

Son as 7 da mañá e amence na miña casa un día calquera. Se hai uns cantos anos me tivesen dito que a miña vida ía ser esta, tivese afirmado que imposible, vaia aventura e vaia tolemia, sacar adiante semellante familia! Conxugar o traballo coas tarefas da casa e ao mesmo tempo ter algún momento para descansar. Cantas veces acudiría ao Espírito Santo pedíndolle axuda para saír adiante, para non caer na angustia que non me deixase ver máis aló. Embarcarse nunha aventura case sen pensalo foi o que fixemos hai 13 anos o meu marido e mais eu. Logo daquel si, viñeron outros e outros e os que tamén viñeron foron os nenos. Temos 6 fillos, 2 parellas de xemelgos de 10 e 6 anos e 2 nenas, como elas din, soltas, de 8 e 4.

Así, foise forxando a nosa vida diaria, na que case nada se proxecta, vívese coa intensidade que permite pensar que cada instante, cada momento, cada abrazo, cada bico… adquiren valor de eternidade.

Estamos sumidos diariamente no caos das rutinas, na pelexa pola orde, en ter as cousas ben postas, na casa recollida. Loitamos cada día nesas batallas, ás veces non tan pequenas, que converten a nosa casa nunha xungla de paz.

Somos conscientes de que os nenos o poden todo e nese afán por convivir mestúranse diariamente o “permiso, grazas e perdón”. Os carácteres diferentes unhas veces repélense e outras moitas atráense en poder da defensa dun irmán, do coidado de Cova, a máis pequena; en dedicarse a ensinarlle a outro o que non sabe, en compartir unha pelota por instantes e outros momentos en discutir como se a vida se fose nela.

Sempre hai unha ida e unha volta, que se toman como o reencontro desa palabra que algún non quixo dicir, pero saíu da súa boca sen telo previsto, porque puido máis o impulso que o pensamento.

Que bonito resulta o trato constante que fai o rozamento e dános o agarimo, que permite ir facendo familia! e ver no outro o bo cando case estás a piques de empezar a explotar.

Somos unha familia numerosa, pero non funcionamos por números, sumamos un a un e todos por igual. Os 8 vivimos o silencio case de lonxe, as noites cos pés de la e as mañás a carreiras que nos provocan as présas por non planificar.

Amencemos cada día algo cedo, coa mirada posta no ceo e cos pés ben amarrados na terra e o ofrecemento de obras, que ás veces é verdade que tarda en chegar, facémolo no coche camiño do cole e do traballo, permítenos recordar e avivar que Deus está presente nas nosas vidas.

Non hai un día igual ao outro, nin ese igual ao anterior, non hai repetición das escenas, dos xestos, nin sequera das palabras. Somos conscientes, de que a Virxe manobra o temón das nosas vidas, pero tamén é verdade que nos deixamos guiar. Acudimos a ela con moita frecuencia e é referencia das nosas viaxes: Fátima, Covadonga, Lurdes, Valvanera, os Milagres, sempre que podemos ímola visitar.

Recorremos con frecuencia ao anxo custodio, como quen recorre ao amigo que sabe que non lle vai fallar e facémolo cómplice de multitude de avatares: a axuda para un exame, a loita por portarse ben, o saber calar a tempo, o pedirlle: bótame unha man para aparcar.

O Opus Dei ensinounos a converter o ordinario en extraordinario, o traballo da casa nun traballo de altura e a importancia do pasar a ferro equipárase á de escribir, estudar, informar… aprendemos que santificar cada momento e circunstancia da nosa vida ordinaria, é o máis extraordinario que podemos realizar.

Ademais das tarefas compartidas na casa, o tempo en familia, o traballo externo ocupa unha gran parte do meu tempo. O meu labor profesional apaixóname, traballar diariamente coa información para unha web permíteme estar pendente das necesidades dos outros, que a información que buscan ou soliciten estea accesible o mellor e o antes posible. Atopar a Deus no traballo profesional foi un horizonte novo que descubrín a través do Opus Dei. Loitar pola santificación no medio da rede faime consciente de que detrás de cada correo, de cada chamada hai unha persoa, unha alma. Decatarme de que o outro non me entende non porque non quere ou sexa indiferente, simplemente é porque é distinto e ten un punto de vista que non é o meu. A imaxe da Virxe dos Desamparados na miña mesa permíteme, con levantar a mirada, recordar a hora doAngelus ou o traballar pacientemente, sendo máis comprensiva cos demais e máis esixente comigo. Intentar acabar con perfección, incluso aqueles detalles que non se ven, é o obxectivo do noso servizo.

Descansar na casa do traballo profesional e na oficina do traballo do fogar axuda a atopar o equilibrio que parece que se perde ao non ter case nin tempo para respirar. Procuramos atopar momentos de expansión: momentos para a lectura, a música, un baile coas nenas, un baño na piscina, unha excursión ao monte ou as nosas anheladas vacacións en familia, en Ortigosa. Gústannos os momentos de faladoiro, ás veces a varias bandas: “pide permiso antes de falar, espera a túa quenda, por favor”.

Facer e desfacer, empezar e volver empezar, como nos di San Josemaría, comezar e recomezar unha e outra vez. Buscamos nas celebracións familiares, nas festas, ou nos aniversarios un momento de unión. Gozar dunha comida diferente, coa idea de traer ao presente aqueles anos universitarios que tiven o gusto de vivir no CM Arosa e hoxe quero vivir como nai: “creando e facendo ambiente de familia”.

Cada día as horas esváransenos entre as mans, pero preséntansenos moitas ocasións para saír dos límites da nosa casa e dar algo do noso tempo aos demais: recuperando xoguetes que xa non se usan, colaborando na recollida de alimentos, preparando roupa para outros nenos. Son moitas as oportunidades, e ás veces custa, pero tanto para nós como para os nenos é bo ver outras vidas e ter perspectivas que nos axuden a crecer e madurar.

Se hai uns anos me dixeron que esta vida que teño agora ía ser a miña, tivese dito: vaia tolemia, véxome incapaz! Temos que pensar que non estamos sós, que se pode e que a harmonía no rebulicio de cada día pona Deus, El leva a batuta e soamente nos pide que nos deixemos levar nesta bendita tolemia convertida no noso fogar.

Cristina Peleteiro

La Voz de Galicia

https://www.barcadesantiago.es/familia-3-0/