Falece o profesor Amadeo de Fuenmayor Champín

Era sacerdote da Prelatura do Opus Dei, catedrático de Dereito civil, académico de Xurisprudencia, ademais dun dos piares da Universidade de Navarra. Incluimos nesta sección un breve resumo biográfico e dúas testemuñas sobre a súa vida, publicados en La Gaceta e en El Correo Gallego.

En primeira persoa

Naceu en Valencia o 28 de decembro de 1915 e licenciouse en Dereito na Universidade de Valencia (1940) con premio extraordinario. Doutor en Dereito pola Universidade Central de Madrid (1941), tamén con premio extraordinario, en 1943 gañou por oposición a cátedra de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela.

Pertencía ao Opus Dei dende o 10 de xuño de 1939. O 14 de novembro de 1949 foi ordenado sacerdote. Dende entón compatibilizou un intenso labor pastoral e de goberno do Opus Dei, moi achegado ao seu fundador, san Xosemaría Escrivá, cunha non menor adicación ao Dereito.

En 1985 trasladouse a Roma para ocuparse máis intensamente de cuestións xurídicas derivadas da nova natureza canónica do Opus Dei, erixido en Prelatura persoal por Xoán Paulo II en 1982. Daquela preparou con José Luis Illanes e co betanceiro Valentín Gómez Iglesias a obra El itinerario jurídico del Opus Dei, historia y defensa de un carisma (1989), traducida a diversas lenguas, así como unha edición conxunta dos seus escritos sobre prelaturas persoais (1990).

Dende 1986 era prelado de honra da Súa Santidade e consultor do Consello Pontificio para a interpretación dos textos lexislativos. En 1995 regresou a terras navarras onde viviu adicado a diversas tarefas pastorais e á investigación xurídica.

Faleceu en Pamplona o 22 de novembro de 2005 á idade de 89 anos. No momento da súa morte era o membro máis antigo da Prelatura.

Amadeo de Fuenmayor: un home bo e prudente Resumo do texto de Rafael Domingo publicado en Gaceta del Jueves (24 de novembro de 2005)

 “A quen dende hai anos seguiamos de preto a súa longa doenza, fonte para el de fonda alegría interior e leda purificación, non nos sorprendeu o falecemento na Clínica Universitaria deste vir bonus que foi Amadeo de Fuenmayor. Morreu, mesmo fisicamente, onde deixou boa parte da súa vida e das súas ilusións: a Universidade de Navarra, na posta en marcha da cal contribuiu decisivamente.

Os anos galegos (1944-1948) marcaron o seu carácter. Gustaba de contar a famosa anécdota dun claustro presidido polo rector Legaz Lacambra: Dada a complexidade dun problema, o reitor quixo sometelo a votación dos seus compañeiros claustrais. O primeiro comentou que o tema era tan difícil que el non tiña opinión propia e que votaría co rector. O segundo dixo o mesmo, e así todos fóronse sumando á proposta de votar co rector. Cando a este lle chegou o turno, sentenciou con gracia: “Pois eu… eu votarei coa maioría”.

En 1995 regresou a terras navarras, onde viviu adicado a distintas tarefas sacerdotais e a investigación xurídica como profesor honorario das Facultades de Dereito e Dereito Canónico da Universidade de Navarra. A esta época corresponden os seus escritos en defensa do dereito -que, en opinión de Fuenmayor, debería ser recoñecido en toda sociedade pluralista- a contraer un matrimonio civilmente indisolubel.

Aínda que silandeira, sempre tiven para min que esta etapa final foi a máis fecunda da súa vida. Vencellado, case que inseparabelmente a unha cadeira de rodas, as súas horas consumíanse a modiño, como transcorren as horas de espera entre o Amante e o Amado. E é que don Amadeo, fiel ao seu propio nome, foi sobre todo e ante todo un home que amou moito.”

 Ao tempo da súa morte, don Amadeo era o membro máis vello desta prelatura da Igrexa Católica.

O texto seguinte foi escrito por Manuel Fernández Areal para EL CORREO GALLEGO o día 27 de novembro de 2005.

Foisenos Fuenmayor

Foisenos a piques de cumplir noventa anos, o que non está nada mal, sobre todo se se ten en conta que o profesor Fuenmayor, civilista eminente, non parou de traballar, dende a súa xuventude deica o momento da súa morte.

Creo lembrar que a primeira vez que vin en Santiago a Amadeo de Fuenmayor foi en 1949, é decir, cando eu facía segundo de Dereito. Sabiamos, na miña promoción, que o catedrático de Dereito Civil era el. Pero no curso anterior, ao comezar nós a carreira, tiña deixado Santiago para completar os estudos necesarios para acadar o sacerdocio.

Fuenmayor era membro numerario do Opus Dei. Exercía de avogado, explicaba maxistralmente Dereito Civil, desenrolaba un amplo apostolado e foi, co profesor López Rodó, catedrático de Dereito Administrativo, tamén numerario do Opus Dei, promotor do Colexio Maior La Estila e dunha nova barriada compostelá de interese social.

Un día, o noso catedrático de Dereito Civil, premio extraordinario de licenciatura e de doutoramento, xurista recoñecido, avogado prestixioso, recibe a ordenación sacerdotal -o 13 de novembro de 1949- e volve a Santiago para celebrar aquí a súa primeira misa solemne. Foi daquela cando o coñecín.

Anos máis tarde tiven ocasión de facer maís cotián o seu trato en Madrid. Daquela el era consiliario do Opus Dei en España e, como xurista recoñecido, requeríase a súa participación en non poucas actividades vencelladas co Dereito. Pero, sobre todo, foi un incansábel traballador, home afable que sabía escoitar e que sempre tiña tempo para atender ao outro, fose alumno, colega ou alguén necesitado de consello. E foi, todo hai que dicilo, un namorado de Santiago e de Galicia.”