“Falar con Deus é doado en calquera lugar”

Carlos García Estraviz é un médico de 39 anos, especialista en Cuidados Intensivos. Describe neste testemuño o seu traballo no 061 de Galiza, un Sistema de Emerxencias Médicas extrahospitalarias.

En primeira persoa

“Coñezo o Opus Dei dende hai moitos anos, dende o colexio. Cando fun á Universidade comecei ir a un centro da Obra e tiven amigos do Opus Dei. Coñecino a fondo. Pero pasaron bastantes anos antes de que comprendese que ese era o camiño que Deus quería para min.

Foi un proceso longo, porque durante anos non o vía claro. Ata que un día, despois dunha tertulia con don Álvaro del Portillo na Universidade, decidín que non podía facer esperar máis a Xesús.

Agora esfórzome para que o espíritu cristián do Opus Dei impregne a miña vida e as miñas relacións cos meus amigos e compañeiros de traballo, que saben que son da Obra, porque llelo dixen eu ou porque alguén llo contou.

É un espíritu que me axuda a ser amigo de verdade da xente. Porque cando se chega a unha verdadeira amizade acabas contándolle ao amigo todo o que che preocupa, o que levas no corazón, por que fas algunhas cousas, por que non fas outras… e sae a relucir que fas oración, que tratas de ser amigo de Xesús…

Neste senso, aínda que a primeira vista non o pareza, o mundo das urxencias médicas é un bo lugar de traballo para falar con Deus e para falar de Deus, porque aí a morte ronda a miudo e as preguntas sobre o final e o sentido da vida están moi presentes. Non é difícil falar de Deus e da Providencia divina, que che da un sentido para esas situacións dramáticas que a outros levan á desesperación.

Falar con Deus é doado en calquera lugar, mesmo nas situacións de estrés, que se dan con fecuencia no meu traballo, onde ves de todo, o mellor e o peor. O espíritu do Opus Dei lévame a dar grazas a Deus cando as cousas saen ben, a pedir perdón cando me equivoco; a desagraviar cando vexo que ofenden a Deus, a pedir axuda para poder atender ben a un doente…

O meu taballo ten uns horarios moi variados, segundo o tipo de servizo que teña que facer. Por iso procuro ir a Misa e facer un rato de oración antes de comezar. Ao chegaren os do meu turno revisamos o material da ambulancia ou do helicóptero, almorzamos cos compañeiros que saen de truno. Comentamos os últimos servizos, as incidencias, as noticias da empresa… E durante todo o turno estamos na base, esperando que chamen por nós para atender unha emerxencia. Mentres, aproveitamos o tempo para estudar, para repoñer o material, etc.

Non estamos continuamente atendendo enfermos. A maior parte do tempo estamos agardando, listos para saír. E cando hai unha emerxencia voamos inmediatamente, atendemos ao paciente e levámolo a casa ou ao hospital. Nas emerxencias adoita pasar momentos moi axitados, pero non duran moito. Despois volvemos á base, repoñemos o material e pasamos ao estado de espera.

Durante ese tempo fálase, como é natural, de todo o divino e o humán. Con quen non podemos falar moito é cos pacientes: os que están mal non están en condicións, e os que estan ben adoitan estar poucos minutos con nós.

 Ás veces algún colega me pregunta en que me axuda o feito de ser do Opus Dei. Eu lle digo que me axuda a procurar ser cristián, que non é pouco. Ademais o meu traballo, con ese contacto cotián coa dor e a morte, lémbrame constantemente que non somos nada e que a nosa vida está nas mans de Deus: cada día pode ser o derradeiro.