Exposición sobre san Xosemaría en Tui

A cidade de Tui acolleu durante dúas semanas unha exposición sobre san Xosemaría Escrivá de Balaguer, fundador do Opus Dei.

Un momento na inauguración

Na presentación, o concelleiro de cultura, Moisés Álvarez, apuntou que non se trataba dunha exposición como outras, pois tras ela "hai unha mensaxe" sobre a santificación do traballo e a vida ordinaria.

Expuxéronse diversos paneis sobre a mensaxe de santificación do ordinario; datos históricos; e a herdanza e extensión do Opus Dei polo mundo. A exposición titulábase "San Xosemaría, Vida, Mensaxe e herdanza".

O responsable da exposición, Alfonso Ríos, salientou que a iniciativa de dar a coñecer así a mensaxe do Opus Dei naceu en Chicago (EEUU), en 2001, para conmemorar o centenario do nacemento do Fundador (1902-1975). Dende entón, recorreu as principais capitais do mundo como Boston, Madrid, París, Sidney e Nova Zelanda, entre outras. En Galicia estivo en 17 cidades ( A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo, Ferrol, Sanxenxo, Vilagarcía, Ribeira, Baiona e Betanzos, entre outras).

San Xosemaría foi amigo de Fray José López Ortiz, bispo de Tui en 1944. Coñecéronse na Universidade de Zaragoza en 1924, cando o agustino Fray José levaba dous anos de crego e San Xosemaría era un seminarista novo. A partir de 1939 foi moi intenso o trato entre ambolos dous.

López Ortiz formou parte do tribunal da tese de Escrivá de Balaguer sobre a Abadesa das Huelgas (18-12-1939) na Universidade Central, que logo se convertiría na Complutense. Á morte de San Xosemaría Escrivá (xuño de 1975), López Ortiz declarou como testemuña para o proceso de beatificación de Escrivá de Balaguer.

A súa amizade tivo tamén moito que ver coa expansión do Opus Dei en Portugal, xa que san Xosemaría viña a Vigo para comezar o labor apostólico no país veciño. O bispo propiciou unha entrevista a San Xosemaría con Sor Lucia, unha das videntes de Fátima, cando non era frecuente que recibira visitas xa que Sor Lucia, entón, profesaba nas monxas Doroteas.