"Ensinamos aos nenos a valorar o que paga a pena"

"Temos de todo, nenos musulmáns e nenos cristiáns e son todos moi respectuosos entre si". Rafa Vallés dirixe unha entidade en Ourense que apoia aos pais ofrecendo actividades para os seus fillos

En primeira persoa

Unha das entidades con máis raizame de Ourense é a fundación Amigos da Barreira. Nos seus locais danse cita diariamente decenas de nenos que gozan do seu tempo libre, reforzan materias escolares e, sobre todo, aprenden a convivir. Rafael Vallés é, dende hai cinco anos, o director xerente desta institución, moi relacionada coa historia ourensana.

¿De onde vén a fundación?

Trátase dunha institución moi vinculada á cidade. Aquí sempre se atendeu os nenos desamparados. En tempos foron os irmáns da Caridade e en tempos isto foi un orfanato.

'Apadrina un avó' é a actividade estrela. 
Foto: www.amigosdelabarrera.es

¿Cal é o labor actual de Amigos da Barreira?

É unha casa moi ampla, de catro plantas, que queremos que sexa un Centro da familia. O padroado da fundación quere que se utilice a casa para algo que sirva á sociedade ourensana. Unha das súas carencias é que a familia se atopa desprotexida, tanto dende o punto de vista de conciliar vida laboral e familiar coma da educación dos fillos.

Unha visita cultural durante o campamento
Foto: www.amigosdelabarrera.es

Non hai recursos para deixalos en sitios sans. Nós pretendemos cubrir esas lagoas. Non dar só o servizo de ocuparnos dos nenos, senón tamén ir un pouco máis alá. Colaborando cos pais na educación dos fillos e proporcionándolles uns valores. Pronto queremos ter o proxecto do Centro de día infantil e xuvenil de apoio integral á familia. Este labor será máis profundo e aproveitaremos ao máximo as posibilidades que ofrece a Casa. Aínda que hai actividades que se realizan fóra dela, como "Apadrina un avó".

¿É a vosa actividade estrela?

Reflicte a filosofía da fundación, que é ensinar aos rapaces a valorar aquelas cousas que de verdade pagan a pena. Ensínalles a darlle aos demais o que teñen, que é tempo e cariño a persoas que traballaron, vivido e sacrificado por eles.

Foto: www.amigosdelabarrera.es

Hai pouco celebrastes un coloquio sobre drogas para pais e nenos. ¿Cal é a importancia dos pais no voso labor?

Teñen moita importancia, porque de feito son eles os que teñen que educar os seus fillos. Ten que haber unha colaboración mutua entre pais, fillos e educadores. Nós non podemos ir por libre, temos que contar sempre cos pais.

¿A cantos nenos atende actualmente a fundación?

Agora mesmo temos trinta ou corenta nenos, pero a capacidade é maior. Agora queremos dar a coñecer o novo proxecto porque a casa pode albergar máis de cen nenos. Non hai un perfil definido. Calquera pode traer aquí os seus fillos. Temos de todo, nenos musulmáns e nenos cristiáns e son todos moi respectuosos entre si. Só pedimos que os pais colaboren e participen.

¿Como che axuda a sacar adiante esta iniciativa a formación que recibes no Opus Dei?

O espírito do Opus Dei é un referente na miña vida. Axúdame a formularme os retos de forma positiva e a traballar baixo a mirada cariñosa e animante de Deus.