E de súpeto somos sete

Isabel é unha Supernumeraria do Opus Dei que vive na Coruña. Ela acolleu a cinco nenos, procedentes de familias con problemas, nos últimos oito anos. A súa experiencia englóbase no programa da Cruz Vermella. Hai vinte cativos en espera na provincia.

Isabel, cun dos seus fillos, un dos fermosos exemplos de solidariedade cidadá en Cruz Vermella.

PATRICIA HERMIDA • FERROL Os contos de Dickens ensináronnos moito sobre a desolación da infancia. O Londres victoriano amosaba frío, fame e moita falla de agarimo. Pero esas imaxes non se teñen erradicado, nin sequera das rúas mais próximas. Nenos maltratados ou con pais enfermos agardan por un fogar temporal, namentres as cousas volven ao rego nas súas casas. Dentro do seu programa de Acollemento Familiar, Cruz Vermella conta coa colaboración de 105 familias galegas que protexen durante un tempo a 171 menores.

Só na provincia da Coruña, vinte cativos agardan por familias que os acollan durante un tempo no seu seo. No camiño, Cruz Vermella atopou auténticos exemplos de solidariedade humana coma o de Isabel. Ten tres fillos de seu, pero nos últimos oito anos acolleu a cinco pequenos. O seu fogar converteuse nun feliz camarote dos Marx, con matrimonio, fillos, nenos de acollida e cans. Pero o seu “querer é poder” xustifícao todo.

“Ao ter o segundo fillo volvémonos máis sensibles coas problemáticas infantís. Sabiamos que non tódolos nenos teñen as mesmas facilidades e atopamos unha solución no programa de acollida da Cruz Vermella”, explícanos. A súa primeira experiencia foi cun neno de cinco anos: “A súa nai chegou de Colombia para casar, pero despois separouse e necesitaba traballar. Viviu connosco tres anos e medio e voltou á súa vida normal”.

Despois chegaron Carlos e Belén, “cuxos pais ingresaran no Proxecto Home”. Viviron con eles outros tres anos, “ata que a súa nai se rehabilitou”. E dende hai vinte días acollen a outros dos irmanciños “porque a situación na casa do seu pai era desastrosa”. Os vencellos estréitanse e chégaste a prendar deles, “pero dende o principio tes claro que regresarán á súa familia de orixe, e eles tamén queren voltar cos seus pais”. Algúns nenos proceden da rúa, outras da incultura mais extrema: “Pero nós tamén aprendemos deles”.

 

PEQUENOS 'OLIVER TWIST' Irmáns Entre os menores acollidos en Galicia, hai 31 grupos de irmáns. "Apóianse entre eles, pero se afán pronto coma tódolos nenos", apunta Isabel.

Ánimos Isabel anima a "pasar á acción porque todos podemos participar na inserción social. Os nenos son o futuro e formarán a sociedade en só quince anos. Necesitan referencias e apoios".

Estabilidade Desde Cruz Vermella, Montserrat Barba recalca que "non son adopcións: estabilizamos a situación do neno por un tempo. A xente debe informarse para axudar".

Modalidades A familia solidaria pode brindar atención de día, fins de semana ou vacacións. Noutros casos, a acollida é temporal ata superar a situación que provocou a separación dos nenos. 

El Correo Gallego (17.XI.07)