«De pequeno era moi manazas»

Fran González (Ferrol, 1980) é doutor en Enxeñería Industrial. Simula desde o Centre for Intelligent Machines da Universidade McGill de Montreal (Canadá), os vehículos que, algún día, explorarán Marte.

Fran, no seu laboratorio da Universidade McGill. Foto: La Voz de Galicia

A súa tese doutoral sobre simulación de mecanismos por computador dirixírona no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica de Ferrol (LIM) Javier Cadrado e Manuel González. Agora, Francisco Javier González Varela (Ferrol, 1980) simula desde o Centre for Intelligent Machines da Universidade McGill de Montreal, en Canadá, como farán os vehículos que, algún día, explorarán Marte.

¿Falar de máquinas intelixentes é moito falar?

A palabra intelixente é moi enganosa. Pódese programar unha máquina para que tome decisións, mesmo para que aprenda. Pero os robots non poden ser intelixentes no mesmo sentido que as persoas.

¿Serán capaces algún día as máquinas de emocionarse, por exemplo, cun gol?

En Ferrol era monitor dos equipos de fútbol sala infantís da Escola Deportiva Roiba , e creo que unha máquina nunca vai poder entender o que che pasa pola cabeza cando ves aos mozos cos que estiveches adestrando un ano enteiro felices por gañar a liga. Iso vénlles grande aos robots.

¿En que consiste o traballo que realiza en Montreal?

O noso grupo está a traballar nunha plataforma de simulación dos robots (rovers) para explorar Marte que desenvolve a Axencia Espacial Canadense (CSA). O obxectivo é predicir por ordenador como se comportará o rover en Marte e deseñar unha resposta adecuada aos problemas que poidan ocorrer. De todos os xeitos, a tecnoloxía en que traballamos podería aplicarse a rovers para explorar a Lúa ou zonas do noso planeta de difícil acceso, ou mesmo a vehículos agrícolas e todoterreo.

¿Cales son os principais obstáculos?

Parece unha obviedad, pero un dos problemas é que Marte está moi lonxe e, neste momento, non podes mandar alí a ninguén para que opere os robots. Mesmo controlalos a distancia é complicado e con frecuencia o rover ten que decidir pola súa conta cal é o mellor camiño a seguir, ou a mellor maneira de evitar un obstáculo.

Universidade McGill

¿Veremos no futuro, como dicían en «Blade Runner», «cousas que non creriades»?

Claro que si, e con sorte serán aínda mellores que as «naves en chamas máis aló de Orión». Estamos a velas xa: Internet, os novos materiais, a evolución dos computadores, os entornos de realidade virtual... O que hoxe temos era impensable fai vinte ou trinta anos. Haberá avances no futuro, e non me sinto capaz de predicir en que dirección. Pero seguro que serán espectaculares.

¿Cre que haberá outros mundos alá arriba?

Penso que o universo é impactante, unha obra sobrecolledora que apenas empezamos a explorar. ¿Outros mundos? Podería ser. Sería fantástico atopar vida noutros planetas, unha auténtica revolución científica.

Familias e xogadores do equipo benxamín da Escola de Fútbol Sala do club Xuvenil Roiba (Ferrol)

¿Era o típico neno que destripaba xoguetes alleos?

Esnaquizaba bastantes xoguetes, pero eran meus ou da miña irmá. E non era unha actividade demasiado científica. Tiña bastantes legos e xogos de construcións, pero era moi manazas e tiña pouca paciencia para montar cousas demasiado complicadas.

¿Din os «conspiranoicos» que o home non pisou a Lúa, que o rodaron todo nun estudo. ¿Imaxínase que se descubrise o pastel?

A realidade é moito máis impresionante que a teoría da conspiración; sería unha pena que non fose verdade.

¿Que lle gustaría crear?

Calquera máquina que contribúa a resolver problemas cotiáns que teñen as persoas. Para iso non fai falla irse a Marte: os meus compañeiros do LIM en Ferrol están a traballar en sistemas para axudar a camiñar a lesionados medulares, en melloras no control dos automóbiles, ou en métodos para facer máis efectivas as redes de pesca.

Nacho Mirás Fole // La Voz de Galicia