De campamento na cidade

A Asociación Cultural Riosar, dirixida a mozas novas e inspirada nas ensinanzas cristiás de San Xosemaría, organizou un campamento en Santiago de Compostela. Sen sair da cidade, as estudantes de Secundaria que participan nel aprenderon a aproveitar o seu tempo de lecer e axudar aos demais.

Do Opus Dei

A Asociación Cultural Riosar celebrou un campamento urbano dirixido a estudantes de 2º, 3º e 4º de Secundaria, co obxectivo de "revalorizar e fomentar as actividades domésticas, a convivencia e o traballo en equipo, estimular o inxenio e a creatividade, e promover valores en temas actuais".

Así o manifestou a vicepresidenta da entidade, Teresa Berbel, que animou ás rapazas "a dedicar parte das súas vacacións a un proxecto educativo, que potenciará o inxenio".

O contido do campamento incluiu un taller de cociña e fogar, un concurso de fotografía e unha actividade relacionada coa solidariedade e a familia.

Berbel salientou que no taller "pódense adquirir coñecementos sobre as diferentes actividades que se realizan nos fogares", mentres que do concurso de fotografía explicou que "durante duas tardes, as participantes saíron pola cidade para realizar fotos de obxectos que lles lembren a unha letra do dicionario".

Finalmente, Teresa Berbel fixo fincapé na importancia do módulo dedicado á solidariedade e á familia, que incluiu "unha visita a unha residencia de anciáns, un vídeo forum e unha clase sobre hábitos na familia, que han servir para que as participantes poidan mellorar os seus hábitos de comportamento e educación no contorno familiar".

Non é este o único proxecto da Asociación Riosar. Tras o éxito obtido no Nadal coa campaña solidaria que lles permitiu distribuir alimentos e xoguetes a unha vintena de familias necesitadas santiaguesas, a asociación quixo prolongar a campaña cun novo proxecto, E ti..., qué fas?

"Moi ilusionada", Teresa Berbel afirma que "con el pretendemos dar continuidade á axuda social, pero non só polas achegas materiais, senón tamén para intentar sensibilizar un pouco máis aos novos de hoxe en día, animándolles a investir un pouco do seu tempo de lecer nos demais, porque é moi gratificante".

Así, ata o mes de xuño e dirixido fundamentalmente a estudantes de 14 a 22 anos, a direción de Riosar pretende "motivar aos novos para que fagan compaña ás persoas que viven soas, e axuden ao reparto de alimentos e roupas ás familias e persoas necesitadas".

Ademais, Berbel sinala que "tamén estamos a dar clases de apoio para axudar aos nenos a facer os deberes, así como restaurar e limpar vivendas". Por iso, Berbel pide axuda "non só para levar a cabo estas tarefas, senón tamén información sobre as persoas que precisen axuda e poidan beneficiarse".

  • El Correo Gallego. Ana Iglesias.