Conversacións con Mons. Escrivá de Balaguer

Presentación e entrevistas da edición en galego do libro "Conversaciones con Mons. Escrivá de Balaguer".

Do Opus Dei

Tras "Camiño" (1968 e 1991) e "Vía Crucis" (2006) editados por Edicións Rialp, e "Santo Rosario" (2013) editado por Follas Novas Edicións, publicouse "Conversacións con Mons. Escrivá de Balaguer", tamén da man desta editorial.

O libro, orixinariamente editado en 1968 na súa primeira edición, recolle sete entrevistas que concedeu san Xosemaría, entre 1966 e 1968, a Lle Figaro, The New York Times, Time, L'Osservatore della Domenica e a varias revistas españolas (Telva, Gaceta Universitaria e Palabra). Neste libro, o fundador do Opus Dei responde as preguntas que lle fan sobre a Igrexa e o Concilio -que acababa de concluír-, os dereitos e liberdades individuais, a vida universitaria, a muller e a sociedade, o Opus Dei, a comunicación, etc.

Araceli Filgueira, filla do intelectual galeguista Xosé Fernando Filgueira Valverde, xa realizara a tradución ao galego de "Santo Rosario".

Este libro foi publicado por primeira vez no último trimestre de 1968 en castelán, inglés, italiano e portugués. Despois apareceu tamén en francés, alemán, catalán, neerlandés, polaco e chinés. En total publicáronse, até a data máis de 400.000 exemplares.

Isabel Dans, doutora en Innovación Educativa. Profesora.

"‘Conversacións’ é unha obra moi relevante que ten moito que dicirnos á xente que traballamos na Universidade, a todas as mulleres e a calquera persoa, porque san Xosemaría reivindica neste libro o papel de todos os traballadores e traballadoras, o papel da familia coa achega insubstituíble que fai á sociedade; tamén a reivindicación do laicado e a súa misión dentro da Igrexa".

Araceli Filgueira, tradutora do libro.

A tradutora da obra, Araceli Filgueira, manifestou que "a min fíxome moita ilusión que me pedisen que traducise ‘Conversacións’ porque así temos na nosa lingua un texto que estaba traducido a moitísimos idiomas e que faltaba no noso". Ademais, Filgueira afirma que faltaba un libro na nosa lingua cun formato de entrevistas xornalísticas no que distintos comunicadores manifestan todas as preocupacións do seu tempo.

Un libro –Conversacións- que se publica en castelán no momento en que en Galicia saía do prelo Camiño e outro libro importante que era un misal-devocionario que publicou a editorial Setep. Ao mesmo tempo, en 1968, publicábase a primeira misa para cantar composta por Igrexas Vilarelle.

Araceli definiu a lingua de Escrivá en Conversacións como "lingua clara, viva e chea de matices". Por iso, "non sempre me foi doado encontrar a verba axeitada".

“Un traballo que fixen con mimo, unha responsabilidade grande". Traducilo serviulle para "descubrir a riqueza deste libro” e, á vez, “abriume novos horizontes".

O Editor

O libro de Conversacións "ten un interese relixioso, cultural e social" afirmou o editor e teólogo, Rafael Silva fundador da editora Follas Novas. Coa súa publicación, "incrementouse o fondo editorial de Follas Novas, á vez que contribúe a aumentar a presenza da lingua en ámbitos doutrinais de prestixio", engadiu. Finalmente, Silva sinalou a universalidade de Escrivá de Balaguer.

Entrevista a Isabel Dans