Construíndo edificios en Galicia

Memorias de Milagros Rey, primeira arquitecta galega

Lalos Rey nunha imaxe de 1961

Ando a escribir as miñas memorias, e veñen á miña cabeza tantas lembranzas, que non sei se vou dar rematado... Pasaron xa oitenta anos da miña vida e, contando tantos acontecementos pasados, gozo moito e coido que non me aburrín nin un minuto.

Meu pai, arquitecto coruñés, miña nai ama de casa madrileña, cunha chea de tíos e avós e, dende cativa, xogando e debuxando cos deliñantes, no estudo de meu pai, namentres aprendía a ler e escribir. Meu pai quixo tamén que aprendera alemán, no canto de ir á escola primaria, cando xa falaba galego e castelán. Lembro como correxía Castelao as miñas expresións en galego... A mestra, Consuelito, ensinoume matemáticas na casa e unha avóa algo de música. Como enfermei ao ir á escola, aprendín todo en casa e estudei por libre. Sobre todo aprendín a debuxar, no estudo de meu pai, e esa foi xa a miña grande paixón...

 

Cando lle formulei a meu pai a idea de ir a Madrid a facer Arquitectura, non lle gustou nada, pero comprendeu que estaba decidida e retoume: “Se sacas á primeira o exame de estado, che custeo a carreira". Estudei moitísimo, e saquei o nº 1, con premio extraordinario, en Santiago, así que non tivo máis remedio que me dar permiso. Tamén en Madrid tiven que afrontar moitos retos, pois nos cursos de licenciatura era a única rapaza nos estudos de Arquitectura, na Universidade. Foron anos apaixonantes, nos que descubrín moitas cousas e moitos países. Era unha "nena da guerra", que tivera que aprender en tempos revoltos...

Comecei o meu primeiro traballo en A Coruña cun equipo de arquitectos. Despois, fun traballando noutras frontes: arquitecto municipal, Xefe de Bombeiros, Catedrático de Arquitectura....Moitos anos de traballo e máis de 2300 encargos: polígono de Elviña, Igrexa de Santa Margarida, Torre dos Mestres, Fonte de Catro Camiños, Igrexas de Combarro, Cambados... A miña obra preferida é, quizais, o local social do pescador en Fisterra. Din que era de armas tomar e se cadra levan razón. En calquera caso, é o meu xeito de ser e traballar. 

Unha das súas obras

Tamén na miña vida persoal tiven grandes retos. Pasei de ser agnóstica a crente en pouco tempo, de forma imprevista. Deus entrou un día na miña vida e dende entón quixen saber más... Achegueime despois á Obra a través dun sacerdote arquitecto grande amigo de mi padre, que me facilitou coñecer un sacerdote da Obra arquitecto, D. Ricardo Fernández Vallespín. Entón comprendín que Deus me facía descubrir a miña vocación e pedín a admisión en mes e medio, como Agregada. Miña nai, ao non coñecer a Obra, quixo preguntar a un relixioso, que lle contestou que era "unha organización bendicida pola Igrexa; máis aínda, podo dicir que é a perla da coroa da Igrexa. Dé grazas a Deus porque chamase a súa filla a tan fermosa vocación". Miña nai contoumo despois, moi emocionada e alegre.

Os meus traballos tiñan agora unha perspectiva nova, apaixonante. De certo que a fe ilumina as nosas actividades e dálles luces insospeitadas. Eu traballaba a reo e agora, ademais, cun sentido máis profundo, vendo mellor os motivos para traballar ben, a fondo, e facer construcións axeitadas, estéticas, que resolvesen os problemas da xente. Nesta profesión atopaba moitas ocasións para actuar de forma ética e non ceder ante propostas confusas ou actuacións corruptas. As veces non so tratasé de non ceder e preciso arriscarse, exixir os dereitos que conleva ser a maior autorida dun grupo que travalla. Responsabilidade que no e sentido exixencia sino o seu porque e a sua correcta orientación. ¡E por encima de ella non quedarse con “a chorar por lo leite derramado”!. Rectificar e recomenzar sen asiballar a os causantes da equivocación. É unha profesión vulnerable, ás veces, en temas de corrupción, pois se moven moitos cartos. Cómpre fixar ben as medicións e os presupostos, e xorden ocasións que requiren especial fortaleza e coidado da moral profesional. Algúns colegas facíanme consultas éticas e eu procuraba darlles a miña opinión, nas distintas cuestións.

Gustábame moito tamén dar clases aos futuros arquitectos e aparelladores. Adiquei moitas horas a lles ensinar o que eu dei aprendido cos anos. Lembro tamén os meus esforzos en temas deontolóxicos, para que fosen sempre bos profesionais. Cando me xubilei nomeáronme profesora emérita.

Fun cos meus pais a Roma e alí puiden coñecer a San Josemaría. Pasámolo moi ben e recomendoume que descansase, pois traballaba a eito. Eu faleille con entusiasmo dos meus bombeiros e lembro que ría...

Abofé que traballaba moito, pero tamén atopaba tempo para outras actividades. Recordo unhas reunións que tiña, con outras profesionais, no estudo, os venres á última hora, e que chamabamos clube de música. O gramófono permitiunos escoitar moitas sinfonías de Beethoven e outros músicos.

Fonte de Catro Caminos en A Coruña

Teño que agradecer á tecnoloxía poder seguir, á miña idade, colaborando coa profesión, dende a miña casa. Comecei un blogue para escribir sobre temas de interese e manter o contacto coa xente. No ordenador vou escribindo tamén as lembranzas, para completar as miñas memorias. De cando en vez veñen xornalistas e entrevístanme, en temas que lles parecen de máis interese actual: ser a primeira muller arquitecto de Galicia e 3ª de España, primeiro Xefe de Bombeiros, as miñas opinións sobre edificacións polémicas, os recordos sobre a catástrofe aérea do primeiro Reactor en A Coruña, etc.

Un momento de especial emoción foi a concesión da Medalla de Castelao en 1995. No discurso, o presidente falou de Castelao como símbolo de unión entre galegos e subliñou o "fervente amor" dos galardoados a Galicia e o seu traballo en favor do pobo e a terra. Efectivamente, toda a miña vida foi un reto continuo, apaixonante, que quero transmitir nas miñas memorias, e que ofrezo con amor a Galicia e a todo o mundo, dende a web, para convidar a todos a aproveitar a súa vida traballando ben e con entusiasmo. Paga a pena!.