Conmemoración dos 25 anos do Opus Dei como prelatura persoal

O arcebispo Francesco Monterisi, secretario da Congregación para os Bispos, expresa o seu agradecemento ao Opus Dei "polo servizo que presta á Igrexa", pois "os beneficiarios do seu labor son os fieis das dioceses"

Mons. Francesco Monterisi, Secretario da Congregación para os Bispos

O cardeal arcebispo de Madrid Antonio Rouco Varela clausurou na noite do luns en Madrid un acto conmemorativo do 25 aniversario do Opus Dei como Prelatura persoal, figura xurídica que "foi unha fórmula boa, feliz, adecuada para recoller o espírito, o carisma e o servizo do Opus Dei á Igrexa", afirmou mons. Rouco, e que "foi ofrecida dende a lexislación xeral da Igrexa, dende os textos do Vaticano II".

O acto, celebrado na sede madrileña do IESE, contou tamén coas intervencións do cardeal Julián Herranz, presidente emérito do Pontificio Consello para os Textos Lexislativos, e de monseñor Francesco Monterisi. Asistiron entre outros o Nuncio Manuel Monteiro, os bispos auxiliares de Madrid Fidel Herráez e Juan Antonio Martínez Camino, xunto a mons. Ramón Ferrando, vicario rexional da Prelatura en España.

O cardeal Rouco expresou a súa felicitación á Prelatura, "á que agradezo o servizo que presta á Igrexa e en concreto á arquidiocese de Madrid" e animou a vivir ese servizo "sen medo nin vergoña, co obxectivo non de adaptarse ao mundo senón de convertelo e renovalo".

Pola súa parte mons. Monterisi destacou que "a comuñón entre a Prelatura e as dioceses é unha gozosa realidade práctica". Na súa opinión, o labor que realiza a Prelatura "favorece directamente ás dioceses onde traballa, pois os beneficiarios dese labor son os fieis das dioceses".

Tamén afirmou que a Prelatura "non queda á marxe da Xerarquía, ao contrario, o Opus Dei está sometido ao réxime dun prelado que a dirixe en comuñón coa Sede Apostólica e cos demais bispos".

Monseñor Monterisi recordou que o fundador do Opus Dei, san Josemaría Escrivá, "quería sobre todo que o recoñecemento xurídico definitivo do Opus Dei se levase a cabo" dentro do Dereito común da Igrexa, sen privilexios e sen réxime de excepción".

O cardeal Herranz referiuse ao itinerario xurídico do Opus Dei ata ser erixido en Prelatura persoal, o que "supuxo dar a configuración xurídica a un carisma que levaba o laicado á asunción plena das súas responsabilidades eclesiales". Segundo dixo alcanzouse "a harmonía entre o carisma e a norma xurídica".