Cando educar na fe é divertido

Cando casamos compartiamos un proxecto: pasalo ben educando na fe aos nosos fillos.

Do Opus Dei

Evaristo (os seus amigos chámanlle Varis) e a súa muller Josefina (Fina). Viven e traballan en Vigo: ela é directora de administración dunha empresa de distribución de publicacións e Varis dirixe unha oficina de banca privada. Deus regaloulles 7 fillos: o maior, Pablo, ten 16 anos e a máis pequena, Carmen, 3. Fina e Varis pertencen ao Opus Dei.

Como conseguides sacar adiante á familia con 7 fillos, traballando pai e nai e sen ter outras axudas en casa?

Con moita organización. Unha familia parécese moito a unha empresa: en loxística, recursos humanos, xestión de tesouraría, adaptación ao cambio, etc. 

Fina entra a traballar antes ca mín, levántase, vai a Misa e logo ao traballo. Eu quédome coa tropa e preparo os almorzos con pan que facemos na casa. Temos unha máquina de facer pan que deixamos programada pola noite e ao levantarnos, o pan está recentemente feito. Sae moi rico e é moi económico pois compramos un saco de fariña de 25 quilos por 14 € e por un euro un paquete de fermento na panadaría, que dá para bastantes pans.

Antes de saír pola mañá deixamos a casa ordenada: cada un fai a súa cama e ordena a súa habitación. Se nos dá tempo, sacamos do lavalouzas o que deixamos pola noite lavando e metemos a louza do almorzo. Despois empeza a ruta: deixo ás nenas no colexio Las Acacias e aos nenos no colexio Montecastelo, e despois pásome polo traballo de Fina, que está moi preto, e cámbiolle o coche. Sempre levamos un xogo de dúas chaves cada un. Pola tarde, ela sae antes, por iso necesita o monovolume para recoller aos nenos.

Conseguides estar todos xuntos nalgúns intres? Que vantaxe repórtavos?

Excursión ás Madulas-Ponferrada

Os nenos comen no colexio, e nós nos nosos traballos tamén de fiambrera, como eles, así que o único momento que temos para estar xuntos é o da cea, e aproveitámolo ben. É un momento moi importante pois ademais de poder educar aos nenos e ensinarlles normas de comportamento, serve para escoitarlles, contan moitas cousas do día, anécdotas do colexio, preocupacións, ilusións, medos, etc., que se estás atento axúdache moito na súa formación.

Con Newton Lee en casa

Ao acabar para cear lemos o evanxeo da Misa do día e comentámolo, así imos coñecendo cada vez máis a vida de Xesús para poder imitarlle. Despois rezamos o Rosario e están os que queren. En familia, aos nenos encántalles participar: distribúense os misterios, as letanías, as oracións finais, etc. Aproveitamos para encomendar a persoas que o estean pasando mal, con enfermidades, algunha situación difícil, etc.

Como aproveitades as excursións e vacacións para seguir educando aos vosos fillos?

Encántanos viaxar e facer excursións e, nas nosas posibilidades, facemos moitas.

O almorzo e a cea facémolo sempre en casa e a comida adoita ser de bocadillos xa que aproveitamos para facer excursións polo día, Temos unha neveira que enchemos de fiambre, iogures, queixo, froita e moitas barras de pan.

Excursión en bici

En Semana Santa adoitamos viaxar sempre, aproveitamos para vivir unha Semana Santa en familia acudindo a procesións, aos Oficios, velando ao Santísimo o Xoves Santo e, ao mesmo tempo, facendo excursións para coñecer a zona. O ano pasado estivemos nun pobo preto de Granada e este ano estivemos en Játiva.

No verán saímos moito en bicicleta desde casa, pasámolo fenomenal e é moi económico. Desde a nosa casa hai un paseo moi bonito que vai pola costa ata a vila de Baiona.

Viaxe a Lourdes

É fácil que cada fillo asuma as tarefas da casa que lle corresponden?

O que tentamos transmitirlles é que sintan a satisfacción persoal de facer as cousas ben e polos demais, non tanto como unha obriga rutineira. Aquí creo que o noso exemplo é fundamental.

Os nenos axúdannos moito sobre todo en fins de semana: cadaquén ten o seu encargo, aínda que de luns a venres teñen poucos para que poidan estudar. O fin de semana funcionamos como un verdadeiro equipo: pór a mesa, recoller, limpar os zapatos, tender lavadoras, meter a louza no lavalouzas, etc. son algúns dos encargos habituais.

En casa, aínda non tiña nado Carmen

Convidades a comer ou a cear en casa a outros matrimonios?

Gústanos moito convidar a comer ou a merendar a casa a matrimonios con fillos, para intercambiar experiencias e procurar facer apostolado co exemplo de familia.

Eu adóitolle dicir aos meus fillos que o verdadeiro luxo é ter irmáns e poder compartir e non unha PlayStation. Fina e eu facemos tamén moitos cursos de formación para pais nos que adoitamos participar como matrimonios encargados, así temos a oportunidade de realizar reunións de grupo na nosa casa con distintos matrimonios, o que é moi enriquecedor.

Como procurades formar aos vosos fillos na sobriedade, na temperanza?

No monasterio de Leyre

A crise económica é unha excelente oportunidade. Eliminamos o servizo doméstico, unha canle de televisión de pago e deixamos de ser socios dun club social. Fina é moi boa facendo a compra e aproveita ben as ofertas. Con respecto á comida, procuramos que os fillos gocen co que toca, sen crearse necesidades. Por exemplo, se compramos iogures son naturais ou dalgún sabor, pero non de todos os sabores, texturas e formas. Levamos unha folla de cálculo excel dos gastos, que revisamos mensualmente para ver posibles desviacións.

Que axuda suponvos os ensinos do Maxisterio da Igrexa sobre a familia?

Vemos á familia como a institución básica na que se aprende toda a vivencia relixiosa. Na familia rézase e apréndese a vivir a fe. Cremos que a familia se pode considerar como un escenario onde se transmite, conserva e perfecciona a vida de piedade e vai formando modelos culturais e éticos que  logo conformarán a sociedade. Unha anécdota final: Con motivo da festa da Sacra Familia de 2011, fomos a unha Misa polas familias á catedral de Santiago. Catalina, que ía cumprir 2 anos, pedira aos Reis Magos "unha cocinita", viu que o Arcebispo que daba a comuñón, a ela bendíxoa sorrindo, ao que respondeu? si, pero non te esquezas da cocinita.