Bosques de apuntamentos

Máis de seiscentas horas de estudio, repartidas nos dous últimos cursos, permitiron aos alumnos que utilizan como local de estudio o Club Tambre de Pontevedra repoboar con 317 árbores os montes da bisbarra que foran afectados polos incendios do 2006.

Do Opus Dei

Na primeira edición do programa repoboa o bosque co teu estudio, no ano 2007, os estudantes fincaron os cóbados para plantar 153 exemplares no parque recreativo de Campañó, que xa foi denominado Parque Tambre, mentres que o pasado ano fixeron o propio con outras 164 árbores nos montes veciñais de Buchabade, en Ponte Caldelas. Para este curso propuxéronse aumentar a cifra, polo menos chegar a douscentos, segundo o director deste club xuvenil, Javier Berbel, dentro desta iniciativa do programa Voz Natura, «que con esta terceira edición cremos que xa está consolidada». Para iso, o club xa habilitou tres salas de estudio con capacidade para cen estudantes no seu local da rúa Arzobispo Malvar, 7, ás que de momento se apuntaron 24 alumnos de entre 10 a 17 anos. O froito do traballo dos estudantes (este ano poderanse incorporar tamén universitarios) será a posibilidade de cambiar cada dous horas de estudio por unha árbore. E para iso teñen de prazo ata o próximo día 28 deste mes. Os interesados en participar poden anotarse na sede do club (o teléfono é 986851463) e, como din dende Tambre, a única condición é «estar disposto a fincar os cóbados en silencio». Cada sala contará con monitores que vixiarán o bo aproveitamento do tempo e que serán os encargados de facer a contabilización das horas.

Nesta actividade, enmarcada no programa Voz Natura que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre os estudantes non só ocuparanse das materias propias do seu curso, senón que tamén realizarán estudios biolóxicos do impacto ambiental do lume nos ecosistemas que van rexenerar e nos que como nos anos anteriores planean plantar especies frondosas autóctonas (como castiñeiros ou carballos). A iniciativa conta co asesoramento de biológos, enxeñeiros forestais e técnicos ambientais que se prestaron desinteresadamente a realizar esta acción, que de novo usa como slogan: «Moitos protestan, ¡Ti fai algo!». O club agradece tamén a colaboración das empresas El Niño, Ascensores Enor e Grupo Nea.

Se o eixe de Voz Natura este curso é o cambio climático, para o próximo o programa ambiental aliarase coa biodiversidade. Sensibilizar a poboación sobre a importancia de frear a perda da biodiversidade nos ecosistemas galegos e contribuír así ás campañas que se están a realizar a nivel mundial para preservala, é o principal tema da próxima edición, para a que xa está aberto o prazo de inscrición, concretamente ata o 31 deste mes. O xurado valorará especialmente as accións de protección de flora e fauna autóctona, recuperación e coidado de ecosistemas e a loita contra o cambio climático. Os centros escolares (non universitarios) e asociacións poden consultar as bases e presentar os seus proxectos na web www.voznatura.es. Será despois da festa de fin de curso deste ano, no mes de xuño, cando a organización do programa faga pública a lista de admitidos para o curso 2009-2010. O programa conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación de A Coruña, Sogama e Leite Celta. Ademais, colaboran en Voz Natura la Obra Social de Caixa Galicia, Begano-Coca Cola, o consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de A Coruña (Coeticor).

  • María Conde. La Voz de Galicia