Toni Zweifel

Toni Zweifel, nacido o 15 de febreiro de 1938 en Verona, era fillo dun empresario suízo. Fixo a carreira de enxeñeiro industrial na Escola Politécnica (ETH) de Zürich, onde rematou os estudios en 1962.

Toni Zweifel

Tras unha curta actividade na industria privada, traballou como colaborador científico no Instituto de Termodinámica da ETH e desenvolveu diversas patentes. Algúns anos despois, en 1972, sensible á pobreza dos países en vías de desenvolvemento, cambiou as súas ocupacións para crear, xunto con outras persoas, a Fundación Limmat, con sede en Zürich.

Baixo a súa dirección, esta institución promoveu, nos 17 anos seguintes, centos de proxectos de interese público en máis de trinta países de catro continentes, centrados sobre todo na promoción da familia e a muller, a atención médica e a formación profesional da xuventude.

En 1962 Toni Zweifel pediu a admisión no Opus Dei, unha institución da Igrexa Católica -hoxe Prelatura persoal- que por inspiración divina fundou san Xosemaría Escrivá co fin de promover a chamada de todos os cristiáns á santidade no desempeño dos seus deberes profesionais e familiares.

Toni seguiu esta vocación con total entrega e absoluta fidelidade ata o final da súa vida. O seu traballo caracterizouse por unha grande calidade humana e sobrenatural, a impulsos do seu desexo de axudar aos demais con eficacia. Todo iso unido a un cordial sentido do humor e a un estilo de vida cheo de sinxeleza.

Toni aceptou, con entrega plena á vontade de Deus, a enfermidade incurable que lle sorprendeu en 1986, cando estaba no cénit da súa actividade. Morreu de leucemia en Zürich, o 24 de novembro de 1989, con fama de santidade.