Eduardo Ortiz de Landázuri

Naceu en Segovia (España) o 31 de outubro de 1910. Estudou a carreira de Medicina. Obtivo a Licenciatura en 1933 e o grao de Doutor en 1944.

Eduardo Ortiz de Landázuri

   

Comezou o exercicio da súa profesión no Hospital do Rei, de Madrid. En 1935 ampliou estudios en Alemaña. En 1940 incorporouse ao Hospital Clínico de Madrid, para traballar co Dr. Jiménez Díaz, a quen considerou sempre o seu mestre na medicina.

En 1946 obtivo a Cátedra de Patoloxía Xeral da Facultade de Medicina de Cádiz, pero trasladouse pronto á de Patoloxía Clínica e Médica na Universidade de Granada.

En setembro de 1958, incorporouse á nacente Facultade de Medicina da Universidade de Navarra, na Facultade -e Clínica Universitaria- da cal gastou os seus anos de traballo ata o día da súa xubilación.

Ao comezar a guerra civil española, o seu pai, militar de profesión, foi detido en Madrid e condenado a morte. Eduardo, a súa nai e a súa irmá pasaron con el a noite anterior ao seu fusilamiento, que se produciu o 8 de setembro de 1936.

Referíndose a aqueles días diría máis tarde: «Foron os máis dolorosos da miña vida». Aquel feito deixou un fondo sinal na súa alma e supuxo o inicio dunha profunda crise relixiosa, que orixinou o proceso interior da súa conversión a Deus.

O 17 de xuño de 1941, contraeu matrimonio con Laura Busca Otaegui. Coñecéranse en 1935, no Hospital do Rei, onde tamén ela traballaba, no departamento de Farmacia. Tiveron sete fillos. A súa familia -a súa muller e os seus fillos- foi o primeiro campo de servizo na súa vida.

O 1 de xuño de 1952, pediu a Admisión no Opus Dei. O encontro coa Obra supuxo o inicio dunha seria loita polo melloramento continuo da súa vida cristiá, seguindo o camiño aberto pola vida santa e as ensinanzas do seu Fundador, san Josemaría Escrivá de Balaguer, ao que chegou a querer entrañablemente.

Pouco a pouco, consciente da súa filiación divina, adquiriu unha piedade sinxela e recia. Externamente víaselle sempre cunha profunda paz e grande alegría, manifestada de modo natural mesmo nos contratempos e nos momentos de cansazo.

A súa actividade profesional alcanzou unha intensidade sorprendente: a xornada comezaba moi cedo, cun tempo dedicado á oración e á Santa Misa, e remataba, de ordinario, nas primeiras horas do día seguinte.

Atendeu con solicitude os seus colegas e colaboradores; para os estudantes foi mestre e guía, tanto no profesional coma no humano. Trataba con afabilidade cada un e procuraba estar sempre dispoñible; á vez, era esixente consigo mesmo e cos demais, porque quería facer render para Deus os talentos recibidos.

Os enfermos atoparon nel un verdadeiro amigo, pois se interesaba por todas as facetas humanas das persoas, para axudarlles a mellorar tanto corporal como espiritualmente.

No Opus Dei aprendeu o valor da unidade de vida. Entendeu así que o coidado da súa familia, o estudio e o traballo, o trato cos amigos, colegas e estudantes debía estar impregnado de sentido cristián; cada actividade, ordenada e realizada no seu momento, axudáballe a dirixir a alma a Deus: era o ofrecemento da súa vida, convertido en verdadeira oración contemplativa.

En 1983, deixou a docencia, aos 73 anos de idade. Pouco despois diagnosticóuselle un tumor canceroso. Ao ser operado, descubriuse que o cancro era incurable porque estaba moi estendido.

Dende o primeiro momento foi consciente da gravidade da súa enfermidade e aceptouna uníndose cada vez máis aos padecementos de Cristo na Cruz, pola Igrexa. Os seus dous últimos anos de vida foron aínda de grande actividade profesional, chea de afán por achegar moitas almas a Deus.

O 1 de maio de 1985, ingresou definitivamente na Clínica Universitaria de Pamplona, testemuña dos seus infinitos desveos polos enfermos, onde faleceu as 9'10 da mañá do día 20, mentres repetía esta oración: ¡ Señor, auméntame a fe, auméntame a esperanza, auméntame a caridade, para que o meu corazón se pareza ao teu!

Dende aquel momento maniféstase a fama da súa santidade que moitos xa apreciaban na súa vida e son cada día máis os que confían na súa intercesión ante Deus.