José María Hernández Garnica

José María Hernández Garnica naceu en Madrid o 17 de novembro de 1913. Doutor enxeñeiro de Minas, en Ciencias Naturais e en Teoloxía.

Pediu a admisión no Opus Dei o 28 de xullo de 1935. Faleceu en Barcelona o 7 de decembro de 1972.

Soubo responder con xenerosidade á chamada específica de Deus, e a súa vida, centrada na Santa Misa, foi apostolicamente fecunda. Estivo sempre moi unido a san Xosemaría, Fundador do Opus Dei, que depositou nel unha gran confianza.

Tiña grandes talentos humanos que puxo, movido por Deus, ao servizo da Igrexa e de todas as persoas que o trataron. A súa sinxela humildade, e a súa extraordinaria sinceridade e franqueza fixeron que a súa personalidade fose atractiva, aínda que el se sentiu sempre servidor de todos.

O 25 de xuño de 1944 recibiu a ordenación sacerdotal. Despois, san Josemaría encargoulle especialmente o impulso do labor apostólico do Opus Dei entre as mulleres de España, o que compaxinou con outras moitas tarefas sacerdotais por todo o país.

Máis tarde, marchou a desenvolver o seu ministerio sacerdotal en varios países de Europa. Traballou en Inglaterra, Irlanda, Francia, Austria, Alemaña, Suíza, Bélxica e Holanda.

Santificouse nas súas tarefas profesionais e logo nas propias do sacerdote, con gran xenerosidade: aprendeu varios idiomas, adaptouse a diferentes ambientes e fixo fronte a incomodidades de toda orde en países nos que comezaba o labor apostólico do Opus Dei.

Sufriu con gran paciencia e espírito de sacrificio diversas enfermidades e de modo especial o longo proceso da súa última doenza, que durou máis dun ano. Deus quixo levalo na véspera da solemnidade da Inmaculada do ano 1972, mentres facía oración.