Venerable Montse Grases

Montserrat Grases naceu en Barcelona o 10 de xullo de 1941, nunha familia fondamente cristiá. Cos seus oito irmáns foi educada polos seus pais nun clima de piedade sinceira e de amor á liberdade.

Despois de obter o bacharelato elemental, proseguiu estudos na Escola Profesional para a Muller, da Diputación de Barcelona.

En 1957 sentiu na súa alma que o Señor a chamaba a seguilo no Opus Dei, un camiño de santificación na vida cristiá ordinaria; despois de oír os oportunos consellos, solicitou a admisión na Obra.

Na súa loita para acadar a santidade, suliñou sempre o amor á Humanidade Santísima de Cristo, a piedade eucarística, a devoción á Virxe, unha fonda humildade e o esforzo por servir aos demais. Soubo atopar a Deus no cumprimento, por amor, dos seus deberes de estudo e de traballo, nas cousas pequenas de cada día.

En xuño de 1958 diagnosticóuselle un cancro de óso nunha perna, que foi causa de intensas dores levadas con serenidade e con heroica fortaleza.

Durante a súa enfermidade, cunha ledicia contaxiosa que xamais perdeu, e unha capacidade de amizade que agromaba un verdadeiro celo polas almas, continuou achegando a Deus a moitas amigas e compañeiras de estudo. Morreu o día de Xoves Santo de 1959, o 26 de marzo.

Con motivo da promulgación do decreto sobre a heroicidade das virtudes de Montse Grases, ofrecemos unha cronoloxía dos principais pasos da súa causa de canonización.

5 de novembro de 1961: o sacerdote Benito Badrinas Amat é nomeado vicepostulador da causa de beatificación e canonización; actúa en todos os pasos da fase diocesana da causa.

8 de decembro de 1962: o postulador en Roma, Mons. Salvador Canals Navarrete, dirixe á Congregación de Ritos a petición do nihil obstat para a apertura do proceso informativo.

19 de decembro de 1962: apertura do proceso informativo na diócesis de Barcelona, polo arcebispo Mons. Gregorio Modrego Casaus, na capela do palacio episcopal. Este proceso queda clausurado o 26 de marzo de 1968 na igrexa de Nosa Señora de Montealegre.

14 de xuño de 1994: coa autorización da Congregación das Causas dos Santos, trasládanse os restos mortais de Montse Grases desde o cemiterio do Sudoeste ao oratorio de Santa María do Colexio Maior Bonaigua, en Barcelona.

21 de novembro de 1999: o relator presenta a Positio super vita et virtutibus da serva de Deus. A Positio, redactada en italiano e cunha extensión de 730 páxinas, divídese en catro apartados: historia da causa e fontes, biografía, estudo crítico sobre a heroicidade das virtudes e sumario.

19 de abril de 2016: a congregación ordinaria dos cardeais e dos bispos pronúnciase a favor da heroicidade das virtudes de Montse.

26 de abril de 2016: o Papa Francisco autoriza que a Congregación das Causas dos Santos promulgue o decreto de virtudes heroicas da serva de Deus Montse Grases.